Skip to main content
Actualidade

Xunta, Deputación da Coruña e Concello únense para reclamar a continuidade de Endesa nas Pontes

Por 27 Febreiro, 2020Sin comentarios

A Xunta, Deputación da Coruña e o Concello das Pontes urxiron ao Goberno central á posta en marcha das medidas necesarias para que Endesa reactive a central térmica mentres se buscan biocombustibles alternativos.

Tras un encontro co grupo de traballo local por unha transición enerxética xusta para Endesa, e logo de recordar a situación límite pola que atravesan os transportistas, a enorme preocupación das empresas auxiliares e a incerteza que está a vivir a plantilla, o presidente da Xunta aseverou que ningún plantexamento pode ser distinto a manter operativa a central térmica para, dentro dunha necesaria transición enerxética ordenada, ir diminuíndo as toneladas de carbón en substitución por biocombustible.

“Estamos a falar da central térmica máis importante de España e que investiu máis de 200 millóns de euros para cumprir a normativa europea”, lembrou, incidindo en que Galicia seguirá traballando de forma coordinada, con firmeza e con diálogo por unha transición enerxética ordenada e sen rotura.

Logo de precisar que esta demanda se trasladará á mesa de traballo que terá lugar o vindeiro 10 de marzo, Feijóo fixo fincapé, novamente, na necesidade de aprobar mecanismos fiscais, como o céntimo verde, así como de reclamar máis fondos á Unión Europea. Non en van, España recibiu para transición enerxética 300 millóns de euros, fronte aos case 900 millóns de Alemaña e aos 2.000 millóns de Polonia.

Por outra banda, o presidente da Xunta confirmou tamén a creación, en colaboración coa Deputación da Coruña, dunha Oficina de Reindustrialización para apoiar e coordinar proxectos empresariais que xurdan para garantir o futuro industrial da comarca, ademais de garantir o apoio daquelas iniciativas relacionadas coa ampliación do chan industrial no concello.