A Deputación contribúe a recuperar 90 hectáreas de terras abandonadas na Terra Chá

A Deputación resolveu a concesión de axudas ao abeiro do Plan de Recuperación e Incorporación de Terras para a posta en Produción de Recursos Gandeiros. Na Terra Chá outorgou axudas por 44.293 euros a 25 gandeiros e agricultores para recuperar un total de 90 has. Os produtores que recibirán axudas ao abeiro deste programa da institución provincial son dos seguintes municipios: Castro de Rei, Pol, Vilalba, A Pastoriza, Guitiriz, Cospeito, Xermade e Begonte. 

O Goberno provincial decidiu ampliar o crédito dos 100.000 euros previstos inicialmente para este programa de apoio ao sector primario a 142.540 para poder dar cobertura aos 76 solicitantes de 28 concellos da provincia que cumpriron os requisitos.

Este programa enmárcase na estratexia prioritaria da Deputación de apoio ao sector primario para o impulso da actividade económica no rural. Dende a súa posta en marcha, no ano 2014, puxéronse en produción máis de 2.000 hectáreas de terreo na provincia.

Etiquetas