A pobreza que acocha o Estado Español

Por Raul Río

Todos podemos ver nas nosas cidades xente de distintas idades que durme na rúa ou nos caixeiros dos bancos e que busca nos contedores de lixo algo para satisfacer as súas necesidades mais básicas, pero os medios de comunicación adictos ao réxime e os periodistas pensionados polo Goberno de quenda pretenden facernos ver a pobreza que hai noutros pobos, pobreza que esaxeran, e incluso a inventan si o réxime dese país non vai na onda do poder executivo que nos toca padecer. Así nos deron imaxes dun supermercado cos estantes baleiros dicindo que era en Venezuela, cando despois se soubo que esa foto foi tomada no mesmo Nova Iork, como certifica o idioma dos letreiros, sendo hoxe a icona dun exemplo de manipulación que correo por todo o mundo.

Non aparecen imaxes dese tipo recollidas en países mais acordes coa súa ideoloxía neoliberais que teñen moitas mais necesidades que Venezuela, como poden ser Honduras, de onde saen milleiros de persoas cara o norte para buscar unha vida mais digna e poder comer sequera unha vez ao día; da Arxentina ou de Colombia, onde existe un 27,9% de desnutrición infantil. Incluso a verdadeiras ditaduras corruptas como a de Haití danlles mellor tratamento que a países progresistas onde teñen todas as necesidades esenciais garantidas.

Un exemplo da súa parcialidade e falta de rigor vese cando entrevistan ao atleta cubano Javier  Sotomayor e non lle preguntan polos seus éxitos deportivos senón por unha suposta pobreza en Cuba, pobreza que el negou con razóns, afirmando que alí non había insatisfacción das necesidades básicas, que non hai analfabetos nin persoas sen cobertura médica; que tampouco hai nenos e nenas sen escola, nin xente que pase fame, e que a illa, a pesar do bloqueo, está entre os mellores países do mundo en deporte, ciencia e educación; sen embargo a ningún periodista se lle ocorre preguntarlle a Messi  pola situación social no seu país, a pesar de existir un 32 % de pobreza, un 13 % de nenas e nenos que pasan fame e cerca de un millón de persoas indixentes.

Estes medios ven a palla no ollo alleo e pretenden acochar a viga que teñen no seu, por iso non contaron que a primeiros do mes pasado visitounos o relator das Nacións Unidas de pobreza severa, Philip Alston, quen despois de observar a situación dixo que vira “barrios en España en peor situación e condicións moito peores que un campamento de refuxiados; sen auga corrente, electricidade e saneamentos” e constatou no seu informe que isto é froito das políticas do PP dos últimos dez anos, que o chamado “Goberno Progresista” non está disposto a emendar, e que fixeron un país quebrado encanto ás políticas sociais, porque Mariano Rajoy “preferiu facer políticas para os ricos e non para os pobres”, o que situou o país “á cola de Europa en redistribución da riqueza, e o risco da pobreza xa acada o 21,3% da poboación”, pois, como di no informe, “hai un porcentaxe demasiado alto de persoas que viven na pobreza. Un porcentaxe, o da exclusión social, que en dez anos creceu seis puntos, mentres que as crases mais altas enriquecéronse un 25% e pagan a metade de impostos”.

Tamén dixo o relator, que “non pode ser que a xente teña que elixir entre comer ou poñer a calefacción”, e afirma que para rematar con esta inxustiza “compre distribuír mellor a riqueza”, polo que os salarios deberan basearse no Produto Interior Bruto (PIB), que é a riqueza producida entre todos nós, e debería repartirse equitativamente entre traballadores e empresarios, non facendo unha política para os mais ricos que empobrece ao resto, como fixeron nestes dez últimos anos. É inmoral que (despois de darlle 62.295 millóns de euros en axudas), os diferentes Gobernos permitiran que a gran banca non tributara nin un so euro polo Imposto de Sociedades desde o inicio da crises, a pesar de gañar 84.000 millóns.

Ademais disto, o Estado permite que un total de 6,3 millóns de traballadores e traballadoras en activo que crean esa riqueza (un 34,4% dos asalariados) en 2017 percibiron un soldo por debaixo do xa mísero Salario Mínimo Interprofesional, (4.234 euros anuais). En Galiza, segundo a CIG, 172.823 traballadores ingresaron como máximo a metade dese Salario Mínimo, uns 2.174 euros de media ao ano; o que quere dicir que estes traballadores e traballadoras teñen uns salarios por debaixo do límite da pobreza e viven na escravitude explotados por patróns e capitalistas sen escrúpulos, escravistas modernos que nin sequera garanten aos seus explotados as necesidades mais básicas, mentres a Administración mira para outro lado e os empresarios enriquécense cada vez mais e aportan cada vez menos á sociedade.

Etiquetas