Bonos consumo Vilalba

Aprazadas as eleccións galegas do 5 de abril


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse por videoconferencia cos representantes dos principais partidos políticos galegos e
pactou o aprazamento das eleccións do 5 de abril pola crise sanitaria do coronavirus.

Na reunión mantida hoxe participaron Gonzalo Caballero do PSdeG, Ana Pontón do BNG, Antón Gómez Reino de En Común-Anova-Mareas e Beatriz Pino de Cidadáns. Tamén estaban Pedro Puy, portavoz do PPdeG, grupo maioritario no Parlamento galego, así como Antonio Fernández-Campa, xerente do Servizo Galego de Saúde.

O presidente da Xunta trasladoulles a situación aos representantes políticos e todos coincidiron en que “non ten sentido manter as eleccións o 5 de abril”.

Feijóo xa levaba manifestando esta posibilidade  nos últimos días e reiterou unha vez máis que os comicios do 5A “xa non forman parte da axenda”, e este sábado 14 mandou unha mensaxe ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, “sería bo, nos primeiros días da próxima semana, decretar a suspensión das eleccións de forma inmediata”.

“Para min as eleccións estaban desconvocadas dende fai días”, dixo o presidente. Ademais tildou a reunión de “fluida” e que todos foron partidarios do aprazamento, aínda que había matices en relación ao prazo dunha nova convocatoria.

A data, que se decidirá posteriormente, queda a expensas de como evolucione a situación. A lexislación española non contempla a suspensión dunhas eleccións xa convocadas, así que todo apunta a que a decisión quedará nas mans do Goberno central e da Xunta Electoral Central.

Así, Feijoo dixo que “mañá porase unha normativa a disposición dos partidos politicos para a súa avaliación e coñecemento, e comprometeuse despois en remitir ese texto á xunta electoral antes de aprobar definitivamente a suspensión ou deixar sen efecto a data do 5 de abril e reactivar o período electoral”.

“As eleccións non se poden celebrar mentres non finalice o estado de alarma nin o estado de emerxencia sanitaria”, engadiu.

Ademais quixo agradecer a todos os profesionais da sanidade, ao persoal de enfermaría, técnicos, a todo o persoal non sanitario e de xestión dos centros de saúde, a todos os que están traballando e facilitando os suministros, a todos os que traballan en servizos esenciais, as forzas de seguridade, e ao pobo galego en xeral o esforzo que están a realizar.

O BNG solicitou a semana pasada un aprazamento da data de celebración porque, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “non é momento de liortas políticas, senón de sumar para sacarmos este país adiante, entre todas e todos”. Hoxe, recalcou, o que ocupa ao Bloque “é a vida e a saúde das galegas e galegos, as súas condicións de vida e de traballo, o seu benestar”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, amosou días atrás a súa disposición a estudar un cambio na data electoral se se fixese con todas as garantías, se así o fixasen as recomendacións sanitarias dos órganos competentes e existise encaixe legal para facelo.

O candidato de En Común-Anova-Mareas, Antón Gómez-Reino, facía fincapé na necesidade de ter “un consenso de todos os grupos políticos para aprazar as eleccións”.

PAÍS VASCO

Antes deste encontro, o lehendakari, Íñigo Urkullu, e os partidos vascos tomaron a mesma decisión. Neste senso, Urkullu anunciou que o diario oficial vasco publicará o xoves a decisión, a pesar de que en principio sinalara ao Goberno central e a Xunta Electoral Central como competentes para iso. Euskadi avanza que os comicios se celebrarán o primeiro domingo que sexa posible trala anulación do estado de alarma.

Etiquetas