Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Fruga reclama que se manteñan os mercados de proximidade

Por 20 Marzo, 2020Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galego (Fruga) insisten en que os gobernos municipais de Galiza non pechen os mercados de alimentos de proximidade que se desenvolvan nos seus respectivos concellos, xa que se trata dunha actividade económica fundamental para todas aquelas familias labregas que optaron pola venda directa para comercializar as súas producións, así como para as persoas consumidoras habituais.

“Queremos lembrar, neste senso, que a compravenda de alimentos está protexida dentro da actual situación de emerxencia sanitaria, permitíndose os desprazamentos a centros comerciais para a súa adquisición, mesmo con total liberdade horaria, tal e como reflexa o artigo 7 do Real Decreto 463/2020. Se ben é certo que se recomenda non celebrar actividades ao aire libre, entre as que se incluíron as feiras e os mercados, a recomendación especifica que vai dirixida a aqueles eventos que supoñan concentracións de máis de 1.000 persoas, polo que os mercados de proximidade que se celebran periodicamente en Galiza non entrarían neste suposto, non sendo incluídos tampouco estes espazos na relación de equipamentos e actividades con apertura ao público que quedan suspendidos segundo o disposto no artigo 10 do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo”, explican.

Ademais, dende o SLG e a Fruga entenden que a circulación de alimentos debería quedar protexida e blindada na actual crise e que os concellos que ditaminen o peche de mercados de alimentos locais “estarán a incorrer nunha interpretación excesivamente restritiva das prohibicións sanitarias dirixidas a conter a pandemia do Covid 19 e mesmo contraproducente”. “Teñamos en conta que, agora mesmo, a garantía de fornecer alimentos á poboación estase baseando na apertura de establecementos comerciais pechados, onde se están a dar grandes aglomeracións, e onde normalmente os consumidores e consumidoras poden manter contacto manual ilimitado cos produtos que están á venda. Pola contra, os mercados locais de alimentos son ao aire libre, non padecen aglomeracións e os produtos que se venden non pasaron polas mans nin de intermediarios nin doutros consumidores e consumidoras, polo que ofrecen maiores garantías sanitarias cós adquiridos en grandes superficies comerciais. Ademais, estamos a falar de alimentos que, na súa maioría, adoitan a ser de cultivo ecolóxico e frescos e, polo tanto, de maior calidade e máis sans. Coa interpretación retorta que están a facer algúns concellos das restricións e prohibición de actividades para conter a pandemia do Coronavirus, non só poderían estar a empeorar a situación, senón que estarían beneficiando ás grandes superficies comerciais e castigando inxustamente aos veciños e veciñas que venden e consumen alimentos de proximidade”, explican.

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego e a Federación Rural Galega instan á Xunta de Galicia e á Delegación do Goberno a ditar as instrucións necesarias para que as autoridades municipais manteñan abertos os seus mercados de alimentos de proximidade de cara a garantir o fornecemento dun ben esencial para a cidadanía, tal e como recomendan as autoridades comunitarias, asesorando aos labregos e labregas que venden nas recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a transmisión do Coronavirus e contaxios no exercicio do seu traballo.