Skip to main content
Actualidade

Profesores da comarca participan na iniciativa de apoio á educación na casa aulasgalegas.org

Por 20 Marzo, 2020Sin comentarios

En tempos de crise, hai que reinventarse. Así o pensou un grupo de mestres galegos que veñen de poñer en marcha o portal educativo aulasgalegas.org. A iniciativa, que xurdiu de Pilar Ponte, do IES da Pobra do Caramiñal, ten xa un gran número de colaboradores dende o día da súa fundación, o 13 de marzo, e continúa crecendo día a día.

O obxectivo é claro, ante a situación de illamento provocada polo coronavirus Covid-19 ofrecer  unha axuda educativa á sociedade. “Aulas galegas nace para axudar ao alumnado, ás familias e o resto de profesorado a atopar recursos e materiais educativos en galego. A vocación deste portal educativo non é substituír as indicacións educativas que o profesorado lle faga ao seu alumnado no ensino regrado nin o papel das administracións educativas. A nosa intención é ser unha fonte de recursos que sume no panorama educativo galego”, explican os organizadores.

O seu funcionamento é claro. Para o alumnado e as súas familias publican cada día material clasificado por nivel académico e materia para as etapas de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Comparten contidos educativos de elaboración propia feitos especificamente para esta iniciativa e tamén outros que xa existen e que paga a pena divulgar.

Para o profesorado teñen unha sección organizada por departamentos didácticos onde se poden atopar páxinas doutro profesorado galego desas materias. E para que esto sea xenérico mantense aberta á colaboración constante para que os distintos mestres podan enviar os seus recursos. De feito, agora mesmo hai máis de 250 mestres e profesores embarcados nesta iniciativa.

“Para nós é básico que todos os contidos estean en galego, porque portais educativos e contidos en castelán hai moitísimos na rede, pero en galego non hai tantos, sobre todo en determinadas materias. Por isto, mesmo nesas materias nas que hai menos cousas, o noso obxectivo é fomentar que se creen recursos en galego”, explica María do Mar, de Roupar.

“Partimos de que o alumnado xa ten as súas indicacións por parte do profesorado e dos centros. Hai un portal educativo oficial, hai un Abalar con recursos de calidade feitos por profesionais a través de licenzas, pero isto é distinto. Nós non queremos substituír as administracións educativas nin o que o profesorado lles manda aos seus alumnos e alumnas. A nosa función é a divulgación, o aprender entretidos, fomentar os contidos audiovisuais e non tanto o estritamente académico. Aprender, aprendes na escola e aprendes na vida. Para a educación regrada xa hai mecanismos, pero nós queremos achegar outro tipo de contidos para seguir formándonos”, aclara María do Mar.

Explica que Abalar ofrece tamén contidos curtos, pero outros son todo o contrario: unidades didácticas pensadas para desenvolverse en varias sesións e asesoradas por profesorado. Nós ofrecemos contidos curtiños, dixeribles comodamente, nos que prime a variedade. Ademais, non todos os compañeiros teñen o mesmo nivel de dixitalización e de coñecemento dos recursos que xa existen na rede. “Nestes días tamén queremos ofrecerlle ao profesorado recursos para que os difundan entre o alumnado”.

Sobre o portal, explica que teñen contidos xerais organizados por seccións, materias e idades. E tamén outras seccións que consideran fundamentais como Estamos cos maiores, lecturas compartidas ou enredos.

“Estamos cos maiores é unha das seccións máis interesantes. Montouse un equipo xerontolóxico no que hai terapeutas, psicólogos e outros profesionais dirixida a dar servizo a persoas que conviven con xente maior, ou os maiores directamente. Ata agora practicamente non había materiais en galego neste ámbito, non teñen onde remitir á xente, polo que van comezar a gravar eles mesmos os contidos”, explica.

“En lecturas compartidas falamos de libros e incorporamos contidos relacionados coa lectura con propostas para facer en familia, como, por exemplo, recuperar o pracer de escoitar ler. E en enredos haberá xogos lingüísticos, matemáticos… para ofrecermos tamén un lado lúdico”, conclúe.