Bonos consumo Vilalba

Habilitadas dúas residencias para as persoas maiores que dean positivo por coronavirus

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta habilitará dúas residencias integradas para a atención das persoas maiores usuarias deste servizo que dean positivo por coronavirus e precisen máis asistencia sanitaria que a que reciben no seu centro. Os que requiran hospitalización, por suposto serán hospitalizados.

Logo de precisar que estes centros contarán cun control sanitario intensivo e que os pacientes serán trasladados ao hospital sempre que o requiran, Feijóo subliñou que para as provincias de Pontevedra e Ourense se habilita un centro novo con 93 prazas, titularidade da Fundación de San Rosendo, no concello ourensán de Baños de Molgas. E para as provincias da Coruña e Lugo, habilítase a residencia de maiores Porta do Camiño, no concello de Santiago, con 84 prazas e titularidade da Administración autonómica.

Sobre esta última, explicou que para o seu funcionamento trasladarase, primeiramente, aos seus usuarios –todos eles válidos- ao Hotel Congreso, en Teo, e posteriormente desinfectarase toda a residencia.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego asegurou que en función das necesidades asistenciais que se detecten nos próximos días ou semanas, “poderanse habilitar novas residencias integradas”.

Feijóo quixo aproveitar a súa intervención para trasladar unha mensaxe de confianza nos profesionais das residencias de maiores e dos centros de discapacidade con internamento, incidindo no “bo traballo” que están a facer, especialmente, neste momento.

Sobre este punto, subliñou que, na actualidade, dos 22.400 usuarios de residencias, 57 persoas deron positivo; e das 291 residencias —223 de maiores e 68 de discapacidade— rexistráronse casos en 14 centros. “E, por suposto, como fóra e dentro das residencias, todos estes casos están a ser tutelados polas autoridades sanitarias”, abundou, facendo fincapé en que hai un contacto permanente con todas as residencias de maiores que, á súa vez, teñen a obriga de reportar dúas veces ao día o que alí sucede.

“E naqueles centros onde hai máis incidencia, tamén estamos actuando con maior intensidade”, recordou, referíndose aos protocolos aprobados ata agora.

No tocante ao subministro de material, Feijóo resaltou que, en concreto, a Comunidade dispensou ata o día de hoxe aos centros residenciais 59.000 mascarillas, 1.000 solucións hidroalcóholicas e 28.000 luvas.

E, en segundo lugar, trasladou que todas as residencias privadas pasarán, a partir de hoxe, a ser residencias tuteladas, é dicir, residencias baixo o seguimento das autoridades sanitarias.

Neste punto, Feijóo apelou á responsabilidade dos xestores destas residencias privadas, que seguen a ser responsables do mantemento, a adecuación e o funcionamento das residencias. “Teñen que seguir ao fronte das mesmas, garantir persoal necesario, que estas funcionen conforme aos protocolos que xa se viñan empregando e aos que temos aprobado e segundo as últimas instrucións ditadas no BOE”, explicou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tivo tamén palabras de agradecemento para a UME pola labor que está a desempeñar na desinfección das residencias de maiores con casos de positivos.

Feijóo aseverou que os máis vulnerables son e seguirán a ser unha das prioridades para a Administración autonómica. Así, desde o minuto un, a Xunta puxo en marcha medidas para evitar contaxios nas residencias de maiores e de discapacitados, como: a suspensión das visitas; a suspensión dos novos ingresos nas residencias, agás nos casos derivados polas autoridades sanitarias; así como a suspensión de toda actividade nos centros sociocomunitarios e nos centros de día, tanto de persoas maiores como de persoas con discapacidade.

Por outra banda, e no tocante ao protocolo de emerxencias e urxencias, o titular da Xunta aseverou que na xuntanza desta mañá se definiron, tamén, as actuacións de urxencias que habería que tomar no caso en que se incremente a ocupación hospitalaria; ademais dunha previsión do número total de camas que se poden destinar en todas as áreas sanitarias para atender a pacientes con coronavirus, e que se achegan ás 4.000.

O presidente do Goberno galego reiterou que a Xunta segue a traballar para tentar conseguir o material sanitario necesario, en paralelo coas xestións que segue a facer o Goberno de España. Ao respecto, insistiu na importancia da presión do Executivo central no mercado internacional; “trátase de coordinarnos e de sumar apoios, e para iso é fundamental a unidade, a anticipación e a información leal e coordinada entre todos”.

Feijóo concluíu insistindo na necesidade de redobrar as atencións e os esforzos para coidar ás persoas maiores, recoñecendo o labor de todos aqueles profesionais que cada día se encargan nas residencias de velar polo seu benestar. E trasladando o agradecemento a todos os maiores que están nas súas casas e nas residencias extremando as precaucións para non contaxiarse e a todos os que están nas súas casas, respectando o confinamento, fundamental para salvar vidas.

Etiquetas