Skip to main content
Actualidade

O Goberno reforzou as medidas para acompañar e protexer ás vítimas de violencia de xénero

Por 29 Marzo, 2020Sin comentarios

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, lembra ás vítimas de violencia de xénero que a actividade tanto dos corpos policiais como xudiciais non está suspendida para os casos de violencia contra a muller mentres está vixente o Estado de Alarma. Apuntou que ante a posibilidade de aumento dos riscos de episodios de violencia en momentos de confinamento no domicilio e cesamento de actividade laboral, o Goberno está a executar un Plan de Continxencia co obxectivo de protexer e apoiar ás vítimas de violencia de xénero ante esta situación excepcional.

Entre as principais medidas aprobadas declaráronse como servizo esencial todos os servizos de asistencia integral ás vítimas de violencia contra as mulleres. Isto implica o mantemento dos dispositivos de información 24 h; a resposta de emerxencia e acollida ás vítimas en situación de risco; funcionamento dos centros de emerxencia, acollida, pisos tutelados, aloxamentos seguros para vítimas de explotación sexual e trata; e a asistencia psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de maneira non presencial (telefónica ou por outras canles).

O delegado do Goberno reiterou que as mulleres en situación de illamento domiciliario, sexa por indicación das autoridades sanitarias, ou por aplicación da limitación de circulación e acceso a espazos públicos conforme ao Real Decreto, poden ver dificultado ou imposibilitado o acceso aos medios habituais de comunicación e denuncia de situacións de violencia de xénero. Para iso, ademais do 016, que segue funcionando con normalidade, o Goberno habilitou un servizo de apoio psicolóxico mediante un sistema de mensaxería por whatsapp e de asesoramento xurídico en horario de 8 a 22 horas.

En paralelo, ante unha situación de perigo, no caso de que non sexa posible realizar unha chamada, as mulleres poden utilizar a APP ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á policía coa súa localización.

O delegado do Goberno apuntou que o Ministerio de Igualdade ofrece na súa páxina web unha guía de actuación e recursos dispoñibles para mulleres que sufran violencia de xénero durante esta situación de emerxencia, accesible nesta dirección: http://www.violenciagenero.igualdad.gob.es/informacionutil/covid19/ home. htm

Estadística en Galicia

O delegado do Goberno lembrou que en Galicia están activos 3.500 casos no Sistema de Seguimento Integral de Casos de Violencia de Xénero (Viogen). Ademais, en 2019 producíronse 6.551 denuncias por violencia machista, incoáronse 2.022 ordes de protección. O teléfono 016 recibiu en Galicia 2.561 chamadas no ano 2019. Tamén se activaron 57 dispositivos de control telemático de agresores, unha cifra que no que vai de 2020 ascendeu a 60.

Respecto ao apoio á vítima, sinalar que en Galicia hai actualmente 625 usuarias do servizo Atempro (servizo telefónico de Atención e Protección a Vítimas de violencia de xénero), e que en 2019 foron 188 as vítimas perceptoras de axudas concedidas de acordo á Lei orgánica 1/2004 de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.