Axencia de colocación

Publicada a orde para axilizar os aproveitamentos madeireiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde conxunta entres as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Infraestruturas e Mobilidade pola que se aproban os pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público.

Así, a aprobación dos citados pregos, permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa pola declaración responsable da persoa interesada do cumprimento dos requisitos contemplados en ditos pregos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

Deste xeito, amplíanse así os supostos de declaración responsable, o que se estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites.

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto, o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón e a acacia negra, respectando as peculiaridades establecidas en cada prego. Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural.

Ata o de agora, a Lei de montes de Galicia, trala modificación operada a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, regulaba a autorización única para a realización de aproveitamentos madeireiros en terreos con algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público. Así, a Consellería do Medio Rural tiña que conceder esta autorización logo do informe preceptivo dos órganos ou organismos sectoriais, o que dilataba o proceso no tempo. A través da publicación desta orde axilizarase de forma substancial o proceso de aproveitamentos madeireiros nestas zonas.

Enlace á orde completa:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200401/AnuncioG0426-260320-0001_gl.html

Etiquetas