Comeza o proceso para elaborar o inventario forestal continuo

Unha vez asinado o convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento do Inventario Forestal Continuo de Galicia, procedeuse a dar os primeiros pasos baixo a coordinación da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, celebrouse a primeira xuntanza da comisión mixta onde se atopan representantes de todas as entidades asinantes. O encontro, por videoconferencia, estivo presidido polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Son funcións desta comisión de seguimento: exercer a co-dirección do convenio e velar polo cumprimento do convenio, propoñer as medidas necesarias para garantir o exercicio coordinado das competencias de cada unha das partes e en xeral, resolver os problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir na aplicación deste convenio.

Nesta primeira xuntanza revisáronse as principais tarefas programadas para este ano 2020, moitas delas relacionadas coa metodoloxía que se implementará para o Inventario, especialmente na determinación de estratos e variables principais, así como o desenvolvemento da infraestrutura de datos, metodoloxía de clasificación e sistema de detección de cambios.

O obxectivo final é, por unha banda, facer o seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitorización forestal continuado. O orzamento total para o desenvolvemento deste convenio ascende a algo máis de 640.000 euros, dos cales case 574.000 serán aportados pola Consellería e outros 68.000 polas universidades.

Así, a Xunta puxo en marcha este proxecto por entender que a información continua e precisa sobre o estado dos recursos dos montes é imprescindible para abordar as políticas forestais, non só para responder a problemas específicos senón tamén para valorar o impacto destas políticas no apoio e desenvolvemento dun sector estratéxico para o rural galego como é o forestal.

Lémbrase finalmente que este convenio dá cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia. Este órgano parlamentario sinalaba que era necesario crear un Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas con este sector.

Etiquetas