Acordo das cadeas de distribución alimentaria para apoiar o consumo de produtos galegos

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha reunión por videoconferencia con representantes das grandes cadeas de distribución alimentaria con presenza en Galicia. Nel participaron pola cadea Vegalsa –Eroski, Jorge Eiroa; por Gadisa, Santiago Codesido; por Froiz, Manuel Aris; por Carrefour, Francisco Couso e por El Corte Inglés, Pati Blanco. Este encontro, que se inicia con estas cadeas distribuidoras, pero a iniciativa está aberta a calquera outra que teña interese en colaborar, serviu para pechar os detalles dun acordo que servirá para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos, dándolles así unha nova saída tras o peche da hostalaría e dos mercados municipais por mor da emerxencia sanitaria.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é facilitar novas vías de comercialización aos produtores agroalimentarios da comunidade que están tendo dificultades para chegar ao mercado ao quedaren pechadas as súas canles de venda habituais durante a crise do coronavirus. En concreto, os máis afectados son os produtores/as de froitas e hortalizas, os pequenos elaboradores/as artesanais de queixos e outros produtos lácteos, os produtores/as de mel e produtos apícolas, o sector vitivinícola, os gandeiros/as de vacún, porcino, avícola, ovino e cabrún, así como os de razas autóctonas, fundamentalmente de porco celta.

Para dar saída a estas producións agroalimentarias galegas, a Consellería do Medio Rural buscou a colaboración das grandes cadeas de distribución que operan en Galicia, coas que hoxe pechou os detalles do acordo que estará vixente mentres dure a emerxencia sanitaria. Así, segundo explicou o conselleiro, estas empresas comprométense a adquirir estes produtos agroalimentarios durante o estado da alarma para apoiar o sector primario da comunidade. A maiores, a Consellería lanzará unha campaña de comunicación e sensibilización dirixida ao consumidor final, para conciencialo de que coa súa compra pode axudar aos agricultores e gandeiros galegos para garantir o futuro do noso rural.

Así, estas iniciativas impulsadas pola Xunta teñen como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, ao tempo que se poñen no mercado produtos agroalimentarios da máxima calidade. Antes de poñer sobre a mesa esta iniciativa, a Consellería do Medio Rural xa a ensaiou e xa levou a cabo con éxito xestións para dar saída no mercado á pataca da Limia que antes da crise sanitaria se vendía para restauración.

Así as cousas, a vindeira semana publicarase no Diario Oficial de Galicia a orde que porá en marcha esta canle alternativa de comercialización na que constarán, por unha banda, os produtores beneficiarios, e por outra, as empresas que colaborarán comprando os seus produtos. Ademais, lanzarase unha campaña de promoción e sensibilización que terá como finalidade fomentar o consumo das producións agroalimentarias galegas e na que quedarán patentes as cadeas de distribución adheridas.

A maiores, de forma excepcional ante a crise do coronavirus que estamos a vivir, a Consellería do Medio Rural contempla tamén a posibilidade de comprar parte dos produtos perecedoiros con alto risco de deteriorarse para cedérllelos a comedores sociais, hospitais, residencias de maiores ou institucións semellantes.

Finalmente, José González salientou a importancia do sector agrario galego na cadea de subministro, tendo en conta a situación excepcional que implica o estado de alarma pola crise do coronavirus. De aí, explicou o conselleiro, a necesidade de que a Xunta leve a cabo estas iniciativas que procuran, en resumo, animar á cidadanía a consumir produto agroalimentario galego. Tamén se busca recoñecer o importante esforzo que está a facer o sector no escenario actual de confinamento, no que só están a traballar as actividades esenciais e no que o complexo agroalimentario ten un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos de calidade á sociedade.

Etiquetas