Enquisa Mobilidade

Arroz á cubana para Cándido

Por Moncho Paz

Mario Xosé regresou a Vilalba nunha calorosa tarde de agosto de 1933, na véspera das festas de San Ramón e Santa María. Entrou na vila coas súas mellores galas, ataviado cun Drill 100, traxe americano moi empregado na época -coñecido popularmente polo frescor dos seus tecidos- e cun sombreiro de filtros da marca Knox Stetson, fabricado en Estados Unidos e comercializado en Cuba por El Encanto. Esta tenda de moda, fundada en 1888 por dous irmáns asturianos, destacou por ser un dos primeiros establecementos mellor organizados da capital caribeña, cunha novidosa distribución por departamentos, un concepto moderno importado de New York e que outros emprendedores imitarían posteriormente. Aquel sombreiro aínda o gardamos na casa como reliquia, con moito agarimo, entre os numerosos obxectos persoais que nos deixou o meu avó.

Os seus últimos anos en Cuba coincidiron, no eido político, co derrubamento da era Machado, pero tamén coa decadencia do sector azucreiro, como resultado da acción do capitalismo financeiro sobre a economía cubana, que supuxo un proceso de concentración industrial sen precedentes. Co seu retorno a Galicia, Mario Xosé deixaba atrás a súa vida na Habana, cidade que experimentara -ao longo da súa estadía de once anos- un fondo proceso de expansión urbanística e de crecemento demográfico, económico e cultural, factores que a converteron nunha das metrópoles máis ricas e notorias do Caribe e do conxunto de América Central.

Ás súas costas quedaban os anos de sacrificio, cos comezos como estibador no porto e o traballo na tinturaría da familia, a súa etapa como xefe de cociña no pazo presidencial, as vacacións en Santiago de Cuba, as festas no Centro Galego… E a lembranza constante dos momentos vividos cos amigos, como Manolo Otero, Isidro Paz, Domingos Sánchez, Celso Veiga ou o seu cuñado Xeneroso Yáñez, que tanto lle axudara nos primeiros tempos. Nunca esqueceu aquel serán no que asistiu, precisamente con este último, á inauguración do Hotel Nacional de Cuba, o 30 de decembro de 1930, nun acto social multitudinario ao que a prensa se referiu coma un evento cheo de luxo, elegancia e distinción. Mario Xosé sempre lembraba que Xeneroso estaba especialmente ledo aquela noite, pois conseguira incorporar ao hotel na carteira de clientes do negocio familiar, en fase de expansión entre 1935 e 1955.

Mario Xosé sempre botou de menos os seus paseos polas rúas da Habana, dicía que a maxia da cidade era froito da súa luz e do seu peculiar olor. Unha luminosidade propia, densa e leve ao mesmo tempo, cun colorido especial que a distingue doutras urbes do mundo. E unha mestura de diferentes olores que lle confire ese espírito inconfundible que fai que permaneza sempre viva na nosa memoria. Gustáballe camiñar por Monserrate, á altura da rúa Colón, e chegar ata os peiraos que se atopan á beira da Estación Central de Ferrocarril. Como gran amante do doce e do chocolate, tiña dúas paradas obrigadas: na confeitaría La Dominica, situada entre as rúas O’Reilly e Mercaderes, e tamén en El Moderno Cubano, no número 51 da rúa Obispo.

De Cuba trouxo as súas receitas de cociña e repostaría. Como aquí non atopaba a malanga, preparaba patacas fervidas e aliñadas con allo e zume de laranxas agres. Tampouco tiña posibilidade de conseguir o quimbombó, polo que metía nunha cazola pementos verdes, que mesturaba con cebola, carne de porco e plátanos maduros. Moi afamado en Vilalba foi o seu arroz á cubana, con ovos frescos, bananas e salsa de tomate; preparábao os días de feira na taberna da rúa Xardíns, servido a xeito de tapa e acompañado por unha copa de viño do país ou unha cervexa ben fría. No mundo das sobremesas, preparou un pequeno mostrador de pastelaría, onde amosaba a súa boa arte no oficio, con gran recoñecemento por parte da veciñanza.

Contaba o Chavito que o seu pai Mario Xosé tamén os sorprendía en ocasións con este prato cando os tres irmáns regresaban da escola de dona Amalia e dona Sagrario, dúas mestras moi prezadas na vila. De feito, o arroz á cubana era todo un manxar para o meu tío Cándido; tanto lle gustaba que ata o pedía moitas veces nos restaurantes, provocando as bromas constantes do resto da familia. Chola vai, chola vén.

Naqueles anos da súa infancia, os tres irmáns -Mario, Cándido e Ramón, o meu pai- foron testemuñas de como Mario Xosé decidiu adoptar un especial confinamento de portas para dentro, intensificando os seus quefaceres, na tenda e na casa, e illándose voluntariamente da vida social, fondamente descontento coa deriva reaccionaria dalgúns veciños e tamén polo papel que adoptou a Igrexa católica en defensa do franquismo. Con esa desculpa, evitou participar en actos de apoio ao Réxime, así como en cerimonias relixiosas, delegando na súa dona todo o referente a misas, casamentos e funerais. “A miña harmonía non ma quita ninguén”, adoitaba dicir con sorna. E procurou manter esa coherencia por riba de todo.

Etiquetas