Skip to main content

Por Pablo Veiga

Elaboro este artigo co último número do xornal Terracháxa diante; un dos titulares da portada referíase ó comezo da tempada de Feiras, como por exemplo a do Queixo e Pan de Ousá, en Friol e a do Queixo de San Simón da Costa en Vilalba, que viría esta última precedida do tradicional concurso de tapas. Tamén lembraba que o domingo de ramos había un cita electoral.

Pero nisto chegou quen non estaba convidado e mandou parar. O mesmo que era culpable semanas atrás do que estabamos a contemplar, primeiro, nunha cidade da lonxana China e logo, na moito máis próxima Italia, na súa zona norte, a máis industrializada do país. Imaxes que semellaban ser ciencia ficción. A xente comezaba a contaxiarse deste xa famoso Covid-19, producíndose hospitalizacións masivas e cifras de mortos intolerables. O que nos parecía imposible, convertíase en real acó, onde a sociedade se paralizou, recluíndonos. Inicíabase así o chamado confinamento, o cal probablemente continúe, con maior ou menor rigorosidade, cando teñamos diante o noso xornal mensual. Nin siquera aquí na Galicia, onde criamos que o licor de herbas, entre outros, nos protexía, quedamos inmunes ante este mal que sabe Deus de onde saiu

Evitaremos nesta columna exercer de cuñado que todo o sabe, nin emularemos a eses milleiros que se fosen eles os gobernantes terían as solucións máis acertadas a todo o que está a pasar. Estean tranquilos, queridos lectores. A tanto listo e estadista que anda perdido por aí, mellor non agregar outro a maiores.
A papeleta para afrontar unha crise destas características a aqueles a quen lles corresponda tomar as medidas oportunas é de pronóstico e medio. Non existían precedentes dun feito coma este, onde millóns de persoas dos cinco continentes desaparecen das rúas de cidades, vilas e pobos para recluirse nas súas vivendas. Ata se repite similar fotografía nas nosas localidades e aldeas, xa de por si pouco poboadas e avellentadas.

O coronavirus entrou sutilmente, pero a unha velocidade de cruceiro, collendo totalmente despistado ó conxunto da sociedade, polo que se carecía de fórmulas inmediatas para loitar contra a pandemia.
O resultado de estarmos confinados é unha parálise na actividade económica, con multitude de autónomos, pequenas e medianas empresas, así como outras que non o son tanto, que non tiveron outra opción que fechar a produción. Como consecuencia, a propagación de expedientes de regulación temporal de emprego, os denominados ERTES, deixando en situación de paro a centos de miles de traballadores.

Pero o peor é a emerxencia sanitaria na que derivou a expansión do virus en cuestión, que non foi unha gripe convencional. Os hospitais ateigados, residencias de maiores afectadas e profesionais da primeira liña que foron contaxiados. E sobre todo, a cantidade de falecidos, levándose a cabo os enterros de forma semi clandestina. Paseniño, irá mellorando a situación e saíremos deste pesadelo, mais no futuro inmediato todo, absolutamente todo, será distinto na nosa sociedade. Cómpre irse preparando e que a cidadanía siga amosando os valores e principios que nesta crise está a manifestar.
Do contrario, mal iremos.