Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Duarría e os seus tesouros

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Santiago de Duarría é unha das 25 parroquias do Concello de Castro de Rei, freguesía que se distribúe en 18 lugares ou entidades de poboación onde se concentra a veciñanza, delimitando cara o norte con San Andrés de Bendia, cara o Sur con San Pedro de Arcos e Sta. Eulalia de Dampín, cara o Este con Sta. María de Duancos e cara o Oeste con San Xoán de Ribeiras do Lea.

Como apuntan os estudos vinculados á historia e patrimonio do Concello, tense confirmado que neste municipio chairego existiu dende épocas temperás unha alta densidade de poboación e núcleos habitacionais, documentándose co tempo un gran número de necrópoles e castros. Os castro de Duarría, Azúmara, Bazar e Goberno, as mámoas de Loentia, Lea, Rozas, a vila romana de Ansemar, etc., son algún exemplos desta densa concentración de poboación indíxena e galaico-romana no territorio, cos seus importantes asentamentos e áreas de explotación, froito, entre outros factores, da existencia de importantes camiños ou vías de comunicación que cruzaban dende Lucus Augusti cara o Norte e o Nordés, aportando un importante movemento de xente e recursos que permitirían un maior auxe e asentamento das comunidades.

Como xa indicamos, na parroquia de Duarría atopamos distintas mostras deste contexto, unha serie de vestixios que a colocan tamén nun lugar relevante dentro da historia patrimonial do Concello, contribuíndo no aporte de información e comprensión do seu pasado. Aínda que poucos traballos arqueolóxicos se levaron a cabo no lugar, documentouse nesta freguesía a existencia de varias necrópoles e túmulos funerarios do Neolítico (as medorras da Rega e as de Salgueiros, entre outras), ademais da presenza dun castro no cumio dun pequeno outeiro no lugar do alto dos Pedregás, a carón do río Lea.

Trátase dun poboado fortificado de planta circulan con foso que posiblemente date da época galaico-romana, tal e como apuntan as pezas atopadas no lugar. Os veciños tamén falan da presenza doutros asentamentos na súa contorna, o Castro de Aló e o Castro de Acó, ademais de conservar un importante patrimonio oral que por medio de lendas de mouros e tesouros lles dan explicación a estes lugares.
Preto do castro, tamén no lugar de Pedregás, atopamos un dos elementos patrimoniais por excelencia da parroquia, a ponte romana que cruza o río Lea (tamén coñecida pola ponte do Río Vello), da cal se cre que formaría parte da arquitectura civil vinculada á calzada que atravesaba verticalmente o Concello e uniría Lugo con Mondoñedo. Foi construída mediante cachotaría de lousa, posuíndo únicamente un arco de medio punto para que pase a auga e coa parte superior ou calzada empedrada. Algúns investigadores apuntan que a orixe da ponte é realmente medieval e non romana, máis sabemos que moitas destas vías primitivas foron aproveitadas en épocas posteriores, retocando as estruturas nalgúns casos, pero mantendo a orixe arcaica. Dise tamén que esta vía foi empregada como Camiño Real.

Por último, e non menos importante, é obrigatorio mencionar o coñecido como “tesouro aureo de Duarría”, unha colección de moedas de ouro romanas que se atoparon nas inmediacións da igrexa parroquial en 1831, enviadas ó gabinete numismático da Biblioteca Real para o seu estudo. As moedas atopáronse entre anacos de tella, enmarcadas cronoloxicamente en tempos de Nerón, Vitelio, Vespasiano, Trajano, Adriano, Antonino Pío, Marco Aurelio, Faustina e Caracalla. Este descubrimento, que despertou incluso o interese de Fernando VII, desencadearía a orde de realizar excavacións arqueolóxicas no lugar. Ainda que os primeiros datos do descubrimento apuntan a un total de dez moedas, os estudos sobre este tesouro constatan diferentes aportacións que sumarían un número superior a vinte.

As moedas permanecerían dende entón no Monetario da Biblioteca Real, a cal pasaría a denominarse Biblioteca Nacional dende 1836, e, posteriormente, ós fondos do Gabinete Numismático do Museo Arqueolóxico Nacional, lugar no que se encontraban ata o o seu espolio durante a Guerra Civil. Deste suceso sabemos que todas as pezas deste tesouro desgraciadamente foron substraídas agás un áureo de Adriano, do cal a documentación antiga certifica que se trata dunha das pezas atopadas en Duarría.