Axencia de colocación

A Deputación pon en marcha varias medidas de apoio ao sector produtivo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abordou nunha ronda de contactos cos axentes económicos e sociais da provincia a situación derivada da crise sanitaria do Covid-19, as medidas que está tomando a institución provincial e as vías para impulsar a recuperación dos sectores produtivos.

José Tomé xa mantivo conversas con representantes dunha vintena de colectivos representativos do eido empresarial, laboral, social, da hostalería, o turismo e o comercio para pulsar as necesidades e as dificultades xerais e específicas de cada sector que afrontan neste novo escenario e para trasladarlles as medidas que a Deputación está adoptando dentro das súas competencias e cos recursos dos que dispón para facerlle fronte a crise.

De cara o futuro, ao remate do confinamento, o presidente, que seguirá en contacto directo cos axentes socioeconómicos nas vindeiras semanas, avanzoulles que a Deputación traballa no deseño dunha campaña estratéxica de promoción da provincia para a reactivación estable e eficaz do comercio, a hostalería, o turismo e o conxunto dos sectores produtivos vitais para Lugo, unha iniciativa que foi moi ben acollida polos colectivos.

Tomé Roca explicou que agora é o momento de “reafirmar esta boa relación que temos cos axentes económicos e sociais acordando unha resposta sólida, coordinada e conxunta a esta crise sanitaria e económica do coronavirus. Temos que traballar para sentar os cementos do día despois”. Ademais, manifestou que a Deputación “fará todo o que está na súa man, nas súas competencias e cos recursos dispoñibles, para protexer e consolidar o noso tecido económico porque é a clave para recuperarnos canto antes e garantir o noso benestar no futuro”.

As entidades coas que o presidente mantivo conversas foron a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), a Asociación Provincial de Empresas da Construción (APEC), a Asociación de Empresarias de Lugo (AELU), a Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (APREVAR), a Federación de Comercio, a Asociación Provincial de Empresas de Hostalería de Lugo (APEHL), a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, o Colexio de Graduados Sociais de Lugo, a Audiencia Provincial de Lugo, o Colexio de Avogados de Lugo, a Fundación Campus de Lugo, a Confraría de Pescadores de Lugo, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Federación de Veciños de Lugo, COGAMI e FEAFES.

Durante as conversas, o mandatario provincial explicoulles que a Deputación está respondendo á crise con iniciativas acordes coa súa función esencial de cooperación cos Concellos. Neste sentido, detalloulles que a institución xa mobilizou recursos económicos para os municipios por máis de 32M€.

Por unha banda, aprobou o Plan Único 2020, que inxectará de maneira directa nos 67 concellos da provincia 21,3 M€, e que foi adaptado polo Goberno provincial para que os municipios poidan cubrir con 10,6 M€ medidas sociais e económicas fronte ao coronavirus.

Tamén inxectou 11M€ co adianto dos pagos mensuais previstos ata xuño aos concellos que teñen delegada na institución a xestión de impostos municipais, o que lles proporcionará maior liquidez para o que consideren máis oportuno na súa realidade individual.

Igualmente lles explicou que a Deputación comprou 220.000 unidades de materiais de protección, destinados ao persoal propio e para a súa distribución na provincia, tanto a concellos como entidades que o precisen.

Entre outras medidas, a Deputación de Lugo suspendeu todos os prazos de tramitación dos procedementos da institución, dálle prioridade durante os estado de alarma ao pago a provedores da administración, suspendeu o cobro do canon das instalacións provinciais pechadas polo estado de alarma, e manterá todos os contratos e o volume de facturación coas empresas prestadoras de servizos públicos. Decisións todas elas que contribúen a dar maior liquidez ás empresas e protexer o emprego.

Tomé Roca tamén informou ás organizacións a vontade da Deputación de cooperar dende a lealdade institucional coa Xunta de Galicia. Así, xa puxo á súa disposición as cinco residencias que construíu e que ten en proceso de apertura para o seu uso se é necesario para afrontar a pandemia, co destino que a Administración galega considere. Os centros atópanse en Castroverde, Meira, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. Ademais, a Deputación ofreceu á Xunta colaboración para realizar o reparto de material de protección aos concellos da provincia de Lugo.

Plan Estratéxico de Subvencións
O presidente trasladou aos axentes sociais e económicos que o Goberno da Deputación tamén está a mobilizar recursos para o tecido asociativo da provincia. Así, informounos de que o Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou onte mesmo o Plan Estratéxico de Subvencións (PES), o instrumento que regula a concesión de axudas ao conxunto do tecido asociativo da provincia e que inclúe un mínimo de 5,7M€, que poderán incrementarse en función do crédito dispoñible.

Este orzamento para subvencións de carácter nominativo e de concorrencia servirá para contribuír ao desenvolvemento de proxectos que impulsen o emprego e os sectores produtivos, o benestar social ou a promoción do territorio e o turismo.

Deste xeito, liñas de actuación como Emprego contan cunha dotación superior aos 1,1M€; Promoción do Territorio e Turismo, con 442.000 euros; Benestar, con 565.000 euros; Deportes, con 1.640.000 euros; ou Cultura, con 845.860 euros.

Ao abeiro deste Plan recibirán da Deputación axudas económicas directas organizacións empresariais, como a CEL, APEHL, a Federación Galega de Comercio, a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo ou APREVAR, entre moitas outras de ámbito local, ademais de entidades que promoven sectores produtivos fundamentais para a provincia, como a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, a Mancomunidade de Municipios da Mariña ou o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ou do eido veciñal e social, como a Federación de Asociacións de Veciños, COGAMI ou FEAFES.

O Goberno da Deputación pretende que as achegas económicas do Plan Estratéxico de Subvencións podan axudarlle aos colectivos a seguir desenvolvendo actividades e xerando riqueza na provincia, contribuíndo a que se manteñan numerosos postos de traballo e o benestar social.

Campaña de promoción
De cara ao futuro, o presidente da Deputación expúxolle aos axentes sociais e económicos que a institución traballa no deseño dunha campaña estratéxica de promoción dos sectores produtivos, comerciais, hostaleiros e turísticos para a súa reactivación dunha maneira estable e eficaz.

“Agora máis que nunca debemos apostar polo comercio de proximidade porque vai necesitar de todos os cidadáns para saír adiante, temos produtos de grandísima calidade son sinal de identidade da provincia de Lugo”, subliñou Tomé Roca. “Por iso, imos impulsar iniciativas de promoción e publicidade que reactiven o consumo nas tendas de barrio e dos produtos autóctonos e apostaremos por introducir novas fórmulas apoiadas nas novas tecnoloxías para facilitar unha volta á normalidade desescalada neste negocios, sen que estean en desvantaxe fronte aos grandes comercios”, engade.

Tomé resalta que, ademais do compoñente empresarial e laboral destes pequenos negocios e traballadores autónomos dos municipios, “non podemos esquecer que xogan tamén un papel fundamental dentro dos servizos se lle ofrecen ao conxunto da cidadanía que reside no noso rural”.

En canto ao turismo, Tomé Roca explica que “traballamos para impulsar Lugo como un destino fiable, de calidade e de excelencia, centrado en valores como a seguridade, a tranquilidade ou a sustentabilidade, e potenciando atractivos como a natureza, o rural ou a enogastronomía, é dicir, proxectar Lugo como lugar saudable que é”.

Etiquetas