Testemuñas da pandemia: Teatro Marionetas Trécola

Os rapaces de Teatro Marionetas Trécola de Pol viron dende o primeiro momento afectada a súa actividade. “Vivimos o cese total xa que desenvolvemos o noso traballo en teatros, centros de ensino, casas da Cultura, etc”.

De momento teñen aprazadas sen nova data 10 funcións dende o comenzo do estado de alarma e ata maio e non saben que pasará coas dos seguintes meses. “É bo aprazalas por non perder o apalabrado pero tamén supón que toda a programación destes meses pasará a outono, de xeito que en outono non quedarán datas reais para novas programacións”.

Por outra banda, teñen sorte de non ter que pagar aluguer de local, hipotecas ou gastos de ese tipo e como din “se de verdade o Estado cumple o dito pode ser que saiamos adiante”.

A única axuda á que poden optar é a de autónomos e a un préstamo bancario pero “mentras poidamos non imos pedilo. Non hai máis axudas para o sector, coma sempre a cultura é o último que se coida”.
“Estamos acostumados a non ter ingresos fixos mensuais, xa que a administración paga cando pode”, din.

O problema grave din que vai ser cando termine todo isto xa que “non sabemos de que maneira se organizarán eventos, nin si se poderán organizar”.

Están a piques de estrear dúas novas obras e contan con traballo que facer no taller pero xa notan a falta de material. “Avanzamos todo o que podemos, se non pode ser con elementos físicos tiramos da imaxinación e facemos os ensaios mentalmente”.

A situación non é doada, pero son optimistas aínda que as dúbidas de como será a xestión dos espazos, as contratacións e as posibles datas están nas súas cabezas, “ademais de non saber se volveremos á normalidade ou escaparemos das multitudes”.

“Quizáis estos días nos fagan máis solidarios e nos animen a desfrutar máis das pequenas cousas, da vida en xeral e do teatro”, conclúen.

Etiquetas