O rock galego de Filophóbicas

Este grupo de Begonte, formado por tres músicos amigos e familia, comezou a súa andaina tras gañar un concurso de radio

Letras con retranca e ritmo na música, esas son as premisas baixo as cales a banda Filophóbicas gañou o concurso de Radio Galega, Vas sacar nota, no 2016. Participaron cun tema titulado Non penso facer caso, e dende entón ese odio ao amor e amor ao odio, fixo unha boa amizade. “A canción para o concurso fixémola nunha semana”, lembran con agarimo.

O concurso permitiulles gravar unha maqueta e supostamente facer un concerto na Televisión de Galicia, o cal ao final non foi posible.

Así comezou a aventura desta banda de rock en galego afincada en Begonte. Os tres compoñentes, Fran Zelop, Nando Brocos e Bubi Vidal, amigos desde fai moito tempo, decidiron continuar as súas desventuras en común. As ganas de pasalo ben e de desfrutar da música fixeron o resto.

Os tres veñen de familias moi musicais, nas que Nando e Bubi son primos, e onde ao xuntarse os domingos ou nos cumpreanos forman unha orquetra familiar.

Coñécense tan ben que cando collen os seus instrumentos, unha guitarra eléctrica, unha acústica e un set de percusión, non necesitan partituras, e tan só unha simple mirada serve para saber o que queren tocar. ”Levámonos ben e iso nótase moito no escenario”, di Fran.

Este grupo begontés, máis en concreto de Illoi, Saavedra, define a súa música como rock en galego para mentes rebeldes. “O noso forte son as letras, son temas con moita retranca”, comentan, “son letras que falan dos problemas da sociedade, do día a día”. Entre elas atopanse títulos tan curiosos como Balaban, Tiriti Trump ou Curuxás e que soan así:

“No xulgado a serpe so pica ó pé descalzo, e nas cortes os porcos manexan o estado. E as normas do lobo van sempre no seu saco, e as ovellas balaban mirando pra outro lado”.
Levan sobre as súas costas uns 20 concertos, entre eles no Festival 27373 do club fluvial de Begonte ou no San Froilán. Trala supresión dos previstos nestas datas, fixeron actuacións on line e teñen que confirmar a súa participación en varios festivais. “A mellor sensación do mundo é tocar e subir ao escenario”, engaden.

Agora teñen na mente crear un videoclip dalgún dos temas que xa gravaron ademais dos vídeos dos directos, e están inmersos na preparación de novas cancións, pero recoñecen que o “gravar e crear un novo disco conleva cartos, por iso temos que facelo pasiño a pasiño”.

Sempre están a escribir o que poderían ser futuras cancións, que acabarán tocando en directo ou simplemente para ensaiar, pero o que fan é innovar, por iso para os novos temas están a preparar un cambio de instrumentación para “meter algo máis de texturas”, así, un collerá o baixo ou outro terá unha caixa.

Etiquetas