Axencia de colocación

Unha aplicación da Deputación indica a distancia que se pode percorrer

A Deputación de Lugo activa a aplicación Mide a túa saída (https://mideatuasaida.deputacionlugo.org/) para facilitarlle aos cidadáns os desprazamentos que se poden realizar durante a desescalada do confinamento decretado pola crise do coronavirus. A ferramenta, moi doada de usar, calcula o límite exacto ao que pode chegar cada persoa dende a súa casa para desenvolver as actividades permitidas polas autoridades.

A aplicación pódese utilizar en calquera dispositivo electrónico, aínda que por comodidade e utilidade, recoméndase o seu uso en teléfonos móbiles ou tablets. O seu funcionamento é moi doado e só é necesario que se active a ubicación no dispositivo e se lle dea permiso á web para acceder a esta información. Desta maneira, Mide a túa saída procede ao cálculo do perímetro, quedando rexistrada a posición inicial do usuario como punto de referencia, que debe ser o lugar no que se reside. A partir de aí, amosa un mapa que sinala cunha cor vermella o radio de 1 quilómetro ou de 5 quilómetros, en función da actividade que se desexe desenvolver, saír cos nenos, dar un paseo ou desprazarse ás hortas de autoconsumo.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, do que depende o servizo de Novas Tecnoloxías, que desenvolveu a aplicación, explica que “o que se pretende é facilitarlle á xente o proceso da desescalada e que poida saber a golpe de click ata que punto máximo se pode mover ”. Ademais, Rivera subliña que “grazas á tecnoloxía de xeoposicionamento dos teléfonos intelixentes é moi doado dar este tipo de información que resulta realmente moi útil para todas as persoas”.

Mide a túa saída permítelle ao usuario mudar o punto de referencia inicial marcando a opción Nova saída. Así calcula de novo un perímetro en base á ubicación na que se atopa. Está en constante actualización, seguindo as directrices de desescalada que fixen as autoridades competentes.

A web é gratuíta e anónima e non precisa que se descargue ningunha información no teléfono ou tablet, xa que funciona coa app Google Maps, que adoitan levar instalada os dispositivos por defecto. “Isto tamén nos parece moi importante xa que somos conscientes de que xa utilizamos moitas aplicacións que ocupan espazo nos nosos móbiles, así non é ningún impedimento para ninguén neste sentido”, explica o Deputado de Promoción Económica.

Etiquetas