Skip to main content
Actualidade

O Goberno central realizou en Galicia unhas 400 desinfeccións

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou das máis de 400 desinfeccións realizadas polas Forzas Armadas na Comunidade desde o inicio do Estado de Alarma. O traballo foi desenvolto pola Unidade Militar de Emerxencias e a Brilat, do Exército de Terra, ademais do Terzo Norte, da Armada.

Javier Losada puxo en valor a inxente actividade desenvolvida polas Forzas Armadas, con actuacións diarias en toda a xeografía galega. Explicou que, a pesar da chegada da desescalada, a actividade continúa.

Detallou que o groso das actuacións foi para desinfectar residencias de maiores. En total, foron 215 desinfeccións de interiores, o que representa o 56% dos casos. Esta actividade desenvolveuse en coordinación coa Xunta, que foi a encargada de establecer a orde de prioridade dos traballos.

Os centros de atención sanitaria ou a persoas con discapacidade e as infraestruturas críticas e viarias acumulan o resto de actuacións, con especial interese naqueles puntos nos que existe unha importante afluencia de persoas, como os nodos de transporte público ou as áreas comerciais con grandes centros de alimentación.

Por provincias, A Coruña acumula 158 intervencións, das que 75 foron en residencias de maiores, 21 en centros de atención sanitaria e 34 en infraestruturas críticas ou lugares de interese público, como as estacións de autobús e de tren ou os aeroportos. Ademais, a provincia acumula outras 28 actuacións en exteriores de instalacións, a maioría en residencias de maiores.

Lugo suma 60 intervencións, das que 33 corresponden a residencias de maiores, 10 a centros de atención sanitaria, 9 en infraestruturas críticas e outras 8 en lugares de interese público.

Na provincia de Ourense as Forzas Armadas han actuado en 47 ocasións en labores de desinfección. 33 están vinculadas a residencias de maiores, 11 a hospitais ou centros de saúde e 3 a infraestruturas críticas ou lugares de interese público.

Pontevedra, pola súa banda, acumulou 138, con 79 en residencias de maiores, 18 en centros hospitalarios e de saúde e 41 noutras infraestruturas críticas ou lugares de gran concorrencia de persoas, como a prisión provincial da Lama.

As Forzas Armadas tamén realizan tarefas de apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado e vixilancia nas catro provincias. Ademais destas tarefas, prestan servizo no control de puntos fronteirizos.