O Goberno anuncia o pago 27.596 persoas en Lugo afectadas por un Erte

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou do pago de 238.395.596 euros a 272.749 persoas afectadas por Erte na Comunidade. Co recente abono realizado, é a segunda vez na historia, tras o mes pasado, en que as prestacións son pagadas antes do día 10.

Javier Losada subliñou que os Erte vinculados ao COVID-19 “serven para protexer os postos de traballo”. En concreto, as persoas afectadas por estes expedientes de regulación temporal de emprego suspenden a súa actividade e perciben unha prestación estatal ata que poidan recuperala. A normativa posta en marcha polo Goberno establece, precisamente, a obrigación de manter os postos de traballo.

En concreto, as empresas que recorresen a un Erte por forza maior por causa da COVID-19, se a partir deste luns retoman parte da súa actividade, poderán sacar do Erte, mesmo a tempo parcial, ao persoal que necesiten. Isto facilitará a situación a moitos pequenos e medianos empresarios e a incorporación de miles de traballadores ao seu posto de traballo. O Executivo adaptou a normativa á nova situación.

En total, ata o 30 abril, son 272.749 as persoas que percibirán unha prestación en Galicia, das que 182.401 foron recoñecidas en abril, mentres que o resto corresponden á segunda metade de marzo. O importe total da nómina das 42.256 solicitudes colectivas de Erte na Comunidade é de 238.305.596 euros, dos cales 100,6 millóns corresponden á provincia da Coruña, 88 á de Pontevedra, 26 á de Ourense e 23,7 á de Lugo.

O delegado do Goberno felicitou ao persoal do Servizo Público Estatal de Emprego ( SEPE) pola eficacia demostrada para para axilizar uns pagos que supoñen un esforzo sen precedente, pois coincide cun momento en que o Executivo busca que aumente a liquidez para estimular o consumo no momento de reactivación da economía. Para iso aposta por outras medidas como os 129 millóns de euros abonados ata onte a máis de 203.000 declaracións de galegas e galegos, correspondentes á Renda, e a outras como a prestación por cesamento de actividade a persoas autónomas.

O obxectivo do Goberno é “traballar en todas as frontes para non deixar a ninguén atrás”, dixo en referencia aos rescates sanitario, económico e social.

Etiquetas