Unhas Letras Galegas virtuais

A Real Academia Galega adicará o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero nado en Ferrol en 1910 e finado en Santiago de Compostela en 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero.

Por mor da pandemia a Academia anunciou que por primeira vez nos seus 57 anos de historia o Día das Letras non se celebraría o 17 de maio, trasladándose no seu lugar ao 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do homenaxeado, Ricardo Carvalho Calero.

Así, o profesor ferrolán e unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, será homenaxeado.

Desenvolveu unha traxectoria vital fundamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas.

VIDA. Medrou en Ferrol, rematou o bacharelato na Coruña e en 1926 marchou estudar Dereito e Filosofía a Santiago de Compostela, onde mantivo unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos e cultivou un estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós.

Nesta etapa redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade e participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia. Dos anos de mocidade son ademais as súas primeira obras literarias, os poemarios Vieiros (1931), o seu primeiro libro en galego, e O silenzo axionllado (1934).

A guerra civil estoupou cando preparaba en Madrid as oposicións á cátedra de bacharelato, despois de acadar unha praza de funcionario no seu concello natal. Loitou no bando republicano, como miliciano primeiro e logo como tenente, e en 1939 foi detido e condenado a prisión. Empezaría daquela unha etapa dedicada ao ensino privado que o levaría en 1950 a fixar a súa residencia en Lugo para dirixir o Colexio Fingoi. Ese mesmo ano fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto co que colaborou activamente. Participou na primeira xeira da Colección Grial.

No ámbito académico, en 1954 doutorouse en Madrid coa tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea, en 1958 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, e máis adiante sería o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta institución. En 1965 incorporouse como profesor interino á USC, da que foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas, que se acababan de introducir como optativas nos programas universitarios; e en 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Durante as últimas décadas da súa vida mantivo unha intensa actividade como articulista e colaborador en prensa. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.

OBRA. A súa obra transita os diversos xéneros canónicos e suma uns vinte libros. Como narrador publicou A xente da Barreira (1951), Scórpio (1987) e relatos curtos. Tamén cultivou a poesía, con títulos como Salterio de Fingoy (1961), ou Reticências (1990). Como dramaturgo: Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro (1971), Teatro completo (1982).

Destacan tamén os seus estudos sobre a literatura, como a Historia da literatura contemporánea galega (1963). Tamén salientan os estudos que publicou sobre Rosalía de Castro.

Carvalho Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carvalho sobre o que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir dos 70 os seus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990).

ACTIVIDADES. A Real Academia Galega reforzará en Internet con esta e outras iniciativas a celebración do tradicional Día das Letras Galegas durante o mes de maio en que será imposible desenvolver o calendario de actividades presenciais previstas inicialmente en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.

A web primaveradasletras.gal fornecerá de recursos lúdicos e didácticos os nenos e nenas; portaldaspalabras.gal achegarase á obra do autor dende o léxico, e academia.gal ofrecerá reportaxes e entrevistas sobre Carvalho Calero e iniciativas diversas que se están a desenvolver por todo o país para revivir o seu legado.

2021. O BNG xunto a moitos grupos e asociacións culturais de diferente sesgo fixeron chegar unha demanda á RAG para prolongar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero ao ano 2021 “porque resulta evidente que a crise provocada pola pandemia fai imposible o desenvolvemento do Ano Carvalho Calero con normalidade”.

Todos estes grupos aseguran que estes momentos excepcionais como os que se están a  vivir esixen adoptar medidas excepcionais por eso consideran “plenamente xustificado prolongar a conmemoración de Carvalho Calero ao 2021, e así llo solicitamos á Real Academia Galega”.

“É de xustiza garantir que todas as persoas homenaxeadas gocen do recoñecemento que corresponde ao longo do ano, máis se cabe quen, como acontece con Carvalho Calero, foi tan agardado”.

Así mesmo, faise un chamamento para que este 17 de maio sexa nas xanelas, nas varandas e nas redes sociais a celebración deste día.

“Cómpre defender os dereitos lingüísticos, o orgullo de sermos un pobo cunha lingua de seu e reivindicar o uso normalizado do galego cada día e en calquera espazo. Tamén exixir que os responsables públicos non renegue da lingua propia do país e use o galego nas súas comparecencias”, di o BNG.

 

Etiquetas