Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

En proceso de desescalada

Por 18 Maio, 2020Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Xusto hai un mes que me poñía a escribir o artigo que sairía publicado no Terracháxa de abril, cando xa estabamos pola terceira semana deste estado de alarma, motivado polo que todos sabemos. Xa vai case para dous meses desde que o pesadelo comezara; un tempo no que diariamente contemplabamos o número de contaxiados e falecidos por esta maldita pandemia, agardando que chegase o cacarexado pico e a curva comezase a descender. Efectivamente, non foi sen tempo, pero o primeiro chegou por fin e a segunda, moi paseniño, empezou a tirar cara a abaixo.

O impacto na economía do Covid-19 está a ser de tal magnitude, que producen auténticos calafríos  as cifras de traballadores afectados polos ERTES e negocios que permanecen pechados. O panorama é desolador, xa que o proceso de desescalada iniciado prevese lento, polo que a varios meses vista semella que as mellorías serán escasas.

A nivel local, estamos a ver as consecuencias. Nas nosas vilas e pobos, a actividade reduciuse a mínimos inimaxinables, con bares e restaurantes pechados, colexios e institutos sen aulas, oficinas bancarias e servizos públicos a medio gas. As feiras e mercados, suspendidos, agardando unha reanudación que suporá tal modificación que resultará complicado recoñecelos.

Cómpre destacar que aínda sendo moi prudentes, os datos facilitados no que é a área sanitaria de Lugo, que comprende o total da provincia, indícannos unha incidencia menor que no conxunto de Galicia. Estamos a falar que se contabilizan entorno ós novecentos contaxios, dos que activos son menos de dous centos e as persoas falecidas, vinte e sete. Cabe remarcar que na maioría dos centros residenciais de persoas maiores, tanto públicos como privados, o coronavirus non fixo acto de presenza.

E agora estamos nesta fase, na cal tratamos de voltar á normalidade, ou máis ben a esa nova normalidade. Aquí tamén temos que erguer a voz para que traspase os Ancares, atravese o Bierzo e chegue ata o centro do Reino. Porque o concepto dispersión xeográfica non parece que se entenda polos que teñen a difícil misión de organizar esta historia.

Certamente non é doado, por suposto, e cando se traza unha norma que atinxe a uns determinados tramos, estes terán unhas dimensións. No entanto, tense que ter en conta a realidade da Galicia Rural, onde por exemplo municipios como Vilalba ou Castro de Rei, que superan os cinco mil habitantes, acreditan unha considerable extensión, así como multitude de lugares que están formados por unhas ducias de veciños ou incluso por menos. Os pobos galegos non son como os pobos casteláns, onde polo xeral, nun radio de apenas un quilómetro residen o total dos habitantes, sexan tres centos ou catro mil.

Polo tanto, neste arduo proceso, sen poñer en cuestión autoridades e mandos superiores, a nosa voz –nunca mellor dito- ten que ser escoitada alá onde se tomen estas decisións que tanto nos afectan. As peculiaridades xeográficas e poboacionais deberan ser tidas en conta se queremos que existan reais posibilidades de éxito nesa misión.

Que o que se decida, sexa ben para todos.