As Pontes contratará a oito persoas a través do Plan de Emprego Local

O Concello das Pontes contratará a 8 persoas, 7 peóns e un/unha limpador/a, durante 5 meses, con cargo a unha achega de máis de 46.000 euros procedentes do Plan de Emprego Local (PEL) de Deputación da Coruña, dirixido ao concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

As oito persoas realizarán diferentes actuacións no termo municipal, tales como o mantemento e limpeza de espazos públicos municipais, así como garantir a cobertura dos servizos públicos esenciais para a cidadanía.

As persoas interesadas en optar a estas prazas deben, entre outros, cumprir cos seguintes requisitos; ter cumpridos os 16 anos de idade, non padecer enfermidade ou eiva física que impida o normal exercicio da función, non estar incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade e non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo do Estado,Comunidade Autónoma ou Administración Local, así como acreditar o coñecemento do idioma galego coa presentación do certificado CELGA 2 ou a súa validación.

As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, acompañadas da documentación esixida na convocatoria, desde o 23 de maio ata o 1 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de As Pontes.

O horario de presentación será de luns a vernes, de 09:00 a 14:00 horas, solicitando con anterioridade cita previa, a través dos teléfonos 667129389 ou 667129380 para evitar aglomeracións e cumprir, deste xeito, coas normas de seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

Etiquetas