Instalan nova sinalización sanitaria nas estación de buses da provincia

As estacións e  paradas de autobuses da provincia de Lugo contan a partir da agora con nova sinalización para advertir da necesidade de manter a distancia social recomendada por mor da covid-19.

Estanse a instalar unhas 520 marcas para lembrarlles aos usuarios do transporte público a necesidade de establecer unha distancia física de 2 metros cos demais viaxeiros.

As estacións de Burela, Ribadeo e Foz e as áreas de estacionamento de Xove, Cervo e Barreiros xa contan con esta sinalización, en forma de pegadas adhesivas que se dispoñen tanto no chan como nas paredes.

Nestes días continuarase coa instalación dos sinais nas terminais de autobuses de Lugo, Chantada, Mondoñedo e Vilalba; e tamén está previsto colocalas nas estacións de Monforte de Lemos, Sarria e Viveiro, nas que a Xunta está a executar actualmente obras de mellora.

Tamén se dotarán de sinalización as áreas de estacionamento da Fonsagrada, Guitiriz, Monterroso, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Portomarín e Quiroga e as paradas das contornas dos hospitais de Lugo, Monforte de Lemos e Burela.

A actuación dá cumprimento á Orde da Xunta do 6 de maio pola que se aprobaron as medidas de aplicación nos servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, no marco da actual emerxencia sanitaria.

Etiquetas