Skip to main content
Actualidade

A Deputación recupera as xuntas de Goberno aprobando varias obras na comarca

Por 31 Maio, 2020Sin comentarios

A Xunta de Goberno da Deputación do venres –a primeira dende a declaración do Estado de Alarma- aprobou a adxudicación de traballos en estradas provincias e infraestruturas por case 743.000 euros, en catro concellos da provincia. As actuacións desenvolveranse nos municipios de Monforte de Lemos, Sober, Guitiriz e Castro de Rei.

Tomé Roca subliñou que con estes contratos de obra pública, a Deputación de Lugo “favorece a dinamización do sector da construción e, polo tanto, do tecido económico e o mantemento de emprego, algo moi importante neste momentos de crise provocada pola pandemia do coronavirus”. As actuacións “fan que sigamos avanzando nun dos principais obxectivos desta Deputación, como é o de mellorar as comunicacións viarias, que son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades entre toda a veciñanza da provincia de Lugo, o reequilibrio territorial”, engadiu o Presidente.

No Concello de Guitiriz adxudicáronse dúas obras en estradas provinciais por 64.563,18 euros. Unha das actuacións consiste no arranxo da rúa Mercado, que, partindo da N-VI discorre cara a parroquia dos Vilares, na estrada provincial LU-P-2301. E a outra obra que se adxudicou en Guitiriz terá lugar na estrada provincial LU-P-2305, que vai dende A Pena Moscosa (N-VI) ata Parga. “Estas obras consisten en dotar á estrada de beirarrúas en ámbolos dous lados, nun treito de 200 metros. Esta vía discorre entre vivendas e supón o acceso a dúas estradas que xa contan con beirarrúas.  Aproveitando esta actuación tamén se van canalizar as augas a través de tubaxe e sumidoiros”, detallou o Presidente na rolda de prensa. As obras teñen 6 meses de prazo de execución.

En materia de adxudicacións, este venres aprobouse tamén a da pavimentación da contorna da Granxa Experimental de Leite, que a Deputación está construíndo na finca da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, a través dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela. Os traballos adxudícanse por 139.007,09€, e o proxecto consiste no formigonado de 5.000 m2 de superficie, que agora mesmo é de zahorra, un pavimento que é permeable e que se asolaga con facilidade.

Remanentes Plan Único 2019
O Presidente tamén deu conta da aprobación dunha relación de solicitudes presentadas por varios concellos da provincia para poder investir remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2019 noutras melloras.

O Concello de Viveiro reporá o firme dun tramo da pista Granxa-Tilleira con remanentes de 17.000 euros. O Concello de Ourol destinará remanentes de case 50.000 euros á reparación e mantemento de pistas e accesos nas parroquias de Miñotos, Bravos, Xerdiz e Merille e construirá badéns redutores en Vilares.

Así mesmo, no concello de Cospeito investirán os remanentes do Plan Único na seguinte relación de obras: pavimentación dos accesos O Pedregal e Vilasuso, nas parroquias de Goá e Seixas cofinanciada con 35.000 euros da Deputación; sinalización horizontal de vías municipais nas parroquias de Rioaveso, Santo Cristina, Roás e Goá, cofinanciada con 5.276 euros da Deputación; alumeado exterior de Riba de Ínsua en Xermar, cofinanciado por 13.909,38 euros da Deputación; e alumeado exterior dos Muíños, en Pino, cofinanzado con 3.823€ da Deputación.

E, por último, o Concello de Meira aplicará os remanentes de 7.783€ a mellorar o acceso en A Casanova.

Plan de aforro enerxético nos concellos ILUMIN@
A Xunta de Goberno deste venres deulle o visto e prace á contratación por lotes do servizo de asistencia técnica ao responsable do contrato da subministración e instalación de material eléctrico de iluminación con material LED para o plan de aforro enerxético nos concellos que impulsa a Deputación, ILUMIN@. Esta iniciativa está cofinanciada nun 80% polos fondos FEDER, asumindo a institución provincial o 20% restante.

Este contrato ascende a 15.270 euros e divídese por lotes, en función das áreas xeográficas da provincia. No Lote 1 inclúense os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba o contrato ascende a 5.590,20 euros. O Lote 2 inclúe os municipios de Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade, por importe de 4.773,45 euros. E o Lote 3 integra os concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober, por importe de 4.907,76 euros.

Adhesión ao Clúster Audiovisual Galego
A Xunta de Goberno tamén acordou a adhesión da Deputación de Lugo á Asociación Clúster Audiovisual Galego. Tomé Roca incidiu en que “este é unha decisión máis que evidencia a nosa aposta e o noso apoio decidido á industria audiovisual lucense e galega, materializado en colaboracións nos últimos dez anos cunha vintena de películas, series, documentais e curtas, porque apoiar ao audiovisual é crear industria, emprego, fomentar a cultura, a nosa lingua e tamén impulsar o turismo”.