Skip to main content
Actualidade

Crean dúas unidades de atención temperá na comarca chairega

Por 1 Xuño, 2020Sin comentarios

A Consellería de Política Social vén de conceder axudas por importe de 378.819 euros para financiar seis unidades de atención temperá na provincia de Lugo, dous delas de nova creación e na comarca chairega.

Na provincia de Lugo, as unidades de atención temperá dan cobertura a 23 municipios. As dúas de nova creación na comarca que se financian nesta convocatoria son as impulsadas pola agrupación de concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei e a formada polas entidades locais de Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei, ademais dunha terceira entre Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil.

Ao mesmo tempo, destínanse axudas para consolidar outras tres unidades que viñan funcionando: a da agrupación de concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso; a formada por Burela e Viveiro e a constituída por Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto e Trabada.

As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

Cada unidade conta cun equipo interdisciplinar formado por un mínimo de tres profesionais de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. Ademais, trátase de persoal que debe de estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A resolución foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. Así, a agrupación de Outeiro de Rei e Castro de Rei recibirá 12.389 euros; a de Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei recibirá 41.548 euros e a de Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto e Trabada 110.918 euros.