Bonos consumo Vilalba

A Deputación realiza un segundo reparto de máscaras entre os concellos

Esta semana distribuíronse entre os concellos de menos de 20.000 habitantes outras 72.000 unidades de protección para a poboación adulta e 25.000 para os nenos e nenas de ata 14 anos de idade. Con esta segunda fase do reparto de máscaras cirúrxicas para a protección da veciñanza fronte ao Covid-19, a institución provincial chega ao 60% da poboación adulta e ao 100% da poboación infantil censada nestes municipios.

A distribución de material por municipios determinouse de maneira proporcional ao seu número de habitantes.
No mes de abril, a institución provincial entregou outra remesa de 72.000 máscaras aos concellos con estas mesmas características, polo que con esta entrega, os municipios percibiron ata o momento un total de 169.000 unidades de protección facilitadas pola Deputación.

Tomé Roca explica que este material se financia con fondos propios da institución. “Esperamos que a Xunta de Galicia cubra o resto da poboación e dea continuidade ás necesidades que poidan darse proximamente. Hai que lembrar que as competencias en materia de Sanidade seguen sendo exclusivas da Comunidade Autónoma, polo que é a súa responsabilidade repartir este tipo de material de protección á cidadanía”, recalcou.

O mandatario provincial lembra así mesmo que o Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia centraliza as peticións dos concellos en relacións coas necesidades de material, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia o 22 de marzo. Pero explica que malia que “as competencias non residen na institución provincial, a Deputación decidiu realizar estas entregas financiadas con recursos propios para cooperar cos concellos e reforzar o abastecemento”.

A Deputación responde así mesmo á súa función esencial de “concello dos concellos. É o noso deber e responsabilidade cooperar coas entidades locais, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender o mellor posible aos seus veciños e veciñas”, subliñou o presidente.

Etiquetas