Skip to main content
Actualidade

Concellos lucenses contratan a 103 persoas que cobraban o Risga

Por 8 Xuño, 2020Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilita a contratación de 103 lucenses en risco de exclusión social perceptores da renda de integración social de Galicia (Risga). A Xunta destina un investimento de 1.338.700 euros a financiar a 32 concellos da provincia para que contraten a persoas do seu municipio que se atopen nesta situación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas proporcionándolles a práctica profesional necesaria, a través dun contrato laboral que será subvencionable durante 9 meses.

A Consellería axilizou nas últimas semanas a resolución deste programa, que foi un dos beneficiados polo levantamento da suspensión dos prazos acordada o 6 de maio, o que permitiu continuar con procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos.

Grazas a estas achegas, os concellos  poden incrementar o persoal dos servizos municipais; a maior parte dos postos ofertados son para peóns de obras, de xardinaría e de limpeza. A Xunta asume os custes salariais totais -salario e seguridade social- para un máximo do 75% da xornada.

Os beneficiarios desta iniciativa serán aqueles perceptores da Risga que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados. Entre eles, terán preferencia aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral, conten con cargas familiares ou teñan máis de 45 anos.

A asignación dos recursos realizouse por estrito orden de entrada en base ao número de persoas perceptoras da Risga de cada concello. Establécense distintos tramos que van dende dúas contratacións como máximo para os que contan con menos de 10 perceptores ata 40 contratacións máximo para os que suman máis de 700 persoas nesa situación.

Os principais concellos beneficiarios do programa na provincia foron os de Monforte de Lemos (317.800 euros para 20 contratos) e Sarria (131.500 euros para 10 traballadores).