Un foro aéreo destaca a presencia do Boeing no polo aeroespacial de Rozas

A Xunta destaca que a decisión de Boeing de instalar un laboratorio de simulación de continxencias en voo contribúe a facer do Polo Aeroespacial de Galicia un referente internacional.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no Foro Aero. As últimas tendencias en aviación desde a perspectiva de Boeing, no que destacou a decisión desta empresa de instalar un laboratorio de simulación de continxencias en voo que vai contribuír a facer do Polo Aeroespacial de Galicia un referente internacional.

Na súa intervención, o conselleiro agradeceu tanto á Boeing como á Universidade de Vigo a súa colaboración coa Xunta, fundamental para o desenvolvemento do Polo Aeroespacial de Galicia, un proxecto no que participan máis de 50 axentes con iniciativas que afondan nas últimas tendencias en aviación.

Unha delas é a liderada por Boeing -Galician Skyway- que busca solucións avanzadas para a seguridade do tráfico áereo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais. No marco deste proxecto, o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) contará cun laboratorio de simulación de continxencias de voo.

O conselleiro tamén puxo en valor a importancia da formación para que Galicia poida seguir avanzando neste sector e lembrou que este curso terá lugar a graduación da primeira promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial e do Espazo, que se implantou en Ourense en 2016. Tamén destacou a colaboración de Boeing para o fomento das vocacións STEM entre a mocidade a través da aula móbil Newton.

Conde finalizou subliñando que Galicia quere seguir impulsando a reactivación económica e para logralo é necesario facer do aeronáutico un sector tractor polo seu alto valor engadido e o seu potencial de crecemento.

Etiquetas