Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Ánxel Alcalde: Do Parlamento Español ao exilio

Por 12 Xuño, 2020Sin comentarios

Por Raúl Río

Di Bertolt Brecht nunha das súas mais célebres frases, que hai homes que loitan un día e son bos, pero que hai outros que loitan toda a vida e eses son os imprescindibles. Un destes últimos é Ánxel Alcalde, un loitador incansable que desde moi novo tomou conciencia de que vivía nunha ditadura na que se restrinxían as liberdades, polo que empezou a loitar por conseguilas.

Xa cando estaba na escola de aprendices participou nas folgas de Etxebarria e na que foi a folga mais grande durante o franquismo, que durou 163 días e tivo lugar en novembro de 1966 en laminacións de Bandas de Etxebarri. Folga da que falarei mais detalladamente noutra ocasión, xa que nesa fábrica concluíu a miña vida laboral.

Despois comeza a traballar de auxiliar de farmacia, organizando en 1981 as primeiras folgas de traballadores e traballadoras de farmacia que se fixeron en Europa, para reclamar, xa daquela, a igualdade de salarios entre homes e mulleres e a mellora da situación laboral. Nesa folga foi detido por primeira vez, ingresando na prisión de Basauri, ao identificalo a policía cando formaba parte dun piquete que tivo un enfrontamento con uns esquirois.

A seguinte detención foi no ano 1988, porque apareceu o seu nome nunha lista que lle atoparon a Santi Arrospide cando o detiveron. Estando no cárcere de Herrera (no ano 1989), asasinan a Josu Muguruza no hotel Alcalá, e recibiu unha carta na cadea dicíndolle que despois de Josu el sería o seguinte, pasoulla aos seus avogados, pero non volveu saber mais nada do tema. Casualidade que tamén era o seguinte da lista por Bizkaia, naquela lexislatura para o Parlamento Español, debido a que Herri Batasuna tiña por norma poñer nas listas un preso político como referencia, para denunciar a situación dese colectivo, polo que a el tocoulle ocupar o posto de Josu e por ese motivo tivéronlle que dar a liberdade condicional.

O 5 de decembro de 1989 acode ao Parlamento, xunto con Jon Idigoras e Itxiar Aizpurua a recoller as credenciais. Tiñan previsto que Ánxel lera un discurso solicitando que se retomaran de novo as conversacións de Alxer entre o Goberno español e ETA, pero ao xurar por imperativo legal non accedeu á condición de Deputado e non llo deixaron ler. Logo quixo intervir Idigoras, pero o daquela Presidente da Cámara, Felix Pons, negoulle tamén a palabra e despacháronos con berros de fora!, fora!, por parte da maioría dos deputados. Ao saír fixo un plante ante Felipe González a xeito de denuncia pola falta de democracia, por negarlles o dereito a intervir nesa institución, que debía servir precisamente para confrontar as ideas.

Ao non poder acreditarse como Deputado tiña que volver á cadea, polo que decidiu escaparse para o exilio, primeiro a París e despois a Bélxica, e no que tampouco deixou de loitar.

A audacia e a valentía de afrontar o risco é outra das súas virtudes, pois estando exiliado, no 1991, hai outras eleccións e acórdase que Alcalde interveña lendo un comunicado no mitin final de campaña, que se ía dar no velódromo de Anoeta en Donostia. Entrou arroupado entre a xente e ao rematar a intervención saíu polo mesmo sitio, para retornar outra vez ao exilio.

Andou por varios lugares de Europa, pero no 2001, xunto con outros doce ou trece refuxiados, pasa a Euskadi Norte para facer unha campaña a favor do Carné Vasco (ENA). Esa reivindicación empeza a madurar tamén en Euskadi Sur e no 2003 acordan facer unha manifestación en Donostia e despois un mitin no velódromo de Anoeta. Foi unha sorpresa para os asistentes, pois noutra demostración de coraxe, el e outra compañeira, tamén exiliada, leron un comunicado.

Nese 2003 prescribiron os casos dos que o acusaban e volveu definitivamente ao País Vasco, aínda que tamén tivo que sufrir represión policial e no 2005 volven detelo, porque en Iparralde vivira na casa dunha amiga na que tamén estivo vivindo un militante do comando Bizkaia. Primeiro detiveron á amiga, porque apareceu o seu nome, xunto co doutros once, nos famosos papeis de “Susper” (Ibon Fernández de Iradi).

Ao ano e pico deixaron aos doce en liberdade condicional, pendentes de xuízo, pero no 2007 celebrouse a vista e saíu absolto, xunto con outros sete compañeiros.

Estando en Iparralde (en 2001 ou 2002), un compañeiro que vivía na mesma casa que el, díxolle: Hoxe saes na prensa. Miraron e aparecía o seu nome nunha Lista Internacional do Terrorismo Mundial co número dous, nada menos que detrás de Bin Laden.

Agora segue loitando por unha sanidade pública, por unhas pensións públicas dignas, polos dereitos dos presos; en Gure Esku Dago, reivindicando o dereito a decidir; en Zaldibar Argitu, para que se aclare o derrube do vertedoiro desa localidade, onde aínda están sepultados dous traballadores, desde o día 6 de febreiro, abandonados baixo cascotes e lixo polas institucións que goberna PNV, e outras loitas para construír unha sociedade mais xusta, mais humana e menos agresiva coa natureza.