Enquisa Mobilidade

Días de tenda e de radio

Por Moncho Paz

A imaxe de Vilalba na posguerra está asociada, como en xeral, á de toda Galicia, ao medo e ás privacións. A década de 1940 representa o período máis duro do franquismo, tanto no plano socioeconómico coma no político e no ideolóxico, cun modelo propio dunha sociedade de subsistencia, sen apenas capacidade adquisitiva nas familias. A inflación era moi forte e o custo da vida moi desfavorable para a maior parte da poboación. De feito, nese período asistimos á desaparición de marcas tradicionais e populares do mercado, onde empresas de renome como Nestlé -que anos despois montaría unha fábrica en Vilalba- tiveron que parar literalmente a súa produción de lácteos e chocolates, de gran consumo e aceptación na etapa republicana.

En 1950 comezaba a Guerra Fría, que para o réxime de Franco foi como un balón de osíxeno que lle permitiu abrir pontes con Estados Unidos, utilizando á prensa para lanzar a mensaxe repetitiva de que España quedara fóra da Segunda Guerra Mundial grazas ao Caudillo, unha falacia totalmente afastada da realidade. Aparecen algunhas medidas liberalizadoras no comercio e o Ministerio de Agricultura revisa os prezos agrarios, o que contribúe a aumentar a oferta de produtos alimenticios e de bebidas espirituosas, coma o coñac, que tivo nesa época un protagonismo singular. A súa publicidade estaba asociada á exclusividade, ao exquisito e á tradición; marcas como Magno, Veterano, Soberano, Fundador, Carlos I, Carlos III ou Felipe II reivindicaban a historia e a raza hispana, motivo polo cal o seu consumo era promovido na publicidade franquista.

No ultramarinos de Vilalba, Mario Xosé pensaba na mellor maneira de fabricar chocolate, sabedor de que era un produto demandado. E tamén comezou a comercializar augardentes e licores, para o que encargou aos seus curmáns da carpintería Guntín un gran estante que chegaba ata o teito do local, zona á que tiña acceso a través dunha escada móbil. Acendía a radio cada vez que baixaba á tenda e pasaba alí longas horas, entre os quefaceres do día e os seus proxectos para o negocio familiar, acompañado dos seus programas favoritos de fondo. A radio durante a década de 1950 estaba marcada polos grandes concursos e programas patrocinados. Especialmente populares foron os de “La Lechera”, realizados entre 1952 e 1955 na Cadena SER dirixidos polo famoso locutor Bobby Deglané. Un dos exemplos máis lembrados é o espazo “Cabalgata fin de semana”, un programa que comezou a emitirse no ano 1951, e que incluía entrevistas, música, concursos, humor e seccións similares. Conducíao Bobby xunto á presentadora María Ángeles Herranz, e foi todo un éxito, seguramente por ser o primeiro programa de variedades das ondas españolas, e que ía ser precedente de moitos outros.

No polo oposto estaba Radio Independente-Estación Pirenaica, que fora inaugurada en 1941 e que comezara a emitir dende Moscú. Foi un dos faros máis estables para espallar as ideas antifranquistas por todo o territorio español e, a partir de 1947, comezou coas emisións en lingua galega. As autoridades do réxime perseguían sen piedade a todos aqueles que sintonizaban a Pirenaica e outras emisoras estranxeiras. Tocaba fiar con moito coidado.

O mesmo ano do pasamento do alcalde Novo Cazón (1952), que fora administrador de Correos da nosa vila, as emisoras dividíronse en nacionais, comarcais e locais, pero seguían a empregar unha linguaxe bélica contra os inimigos, do interior ou do exterior, que tiñan o seu maior apoio nos núcleos de exiliados, tanto en Francia como en América. A programación estaba sometida á censura previa, da que se encargaban as xefaturas provinciais de propaganda, e compoñíase basicamente de grandes seriais, espazos musicais (cos populares “discos dedicados”) e unha información oficial coñecida como o “parte”, que era de obrigada inserción en todas as emisións.

O meu avó non facía moito caso das noticias, senón que estaba máis centrado nos contidos de lecer. “Quiéreme mucho” era a súa canción preferida, que cantaruxaba durante as horas de traballo; unha especie de “segundo himno cubano” que se estreara en 1912, e despois de varios lustros seguía a cantarse dentro e fóra da illa caribeña: “Quiéreme mucho, dulce amor mío / que amante siempre te adoraré / yo con tus besos y tus caricias / mis sufrimientos acallaré. / Cuando se quiere de veras / como te quiero yo a ti / es imposible, mi cielo / tan separados vivir”.

Ao meu pai e aos meus tíos encantáballes escoitar música na radio ao chegar da escola, e comprobar o xesto ledo de Mario Xosé cando soaba un tema cubano. O meu avó sorría con picardía cos boleros de Machín (El Manisero, Dos gardenias, Angelitos negros…) e sempre contaba a anécdota de que o cantante era fillo dun emigrante galego e dunha afrocubana, por iso nacera mulato. No xantar rían cos dixomedíxomes dos rapaces, coma o conto do Silvestre, que relataba o Chavito con sorna: “O pai do Beceiro, ao chegar á casa, foi informado pola súa dona de que o cativo abandonara o fogar dicindo: “Marcho da casa e vivirei de froitos silvestres”. E, para calmala, dille á muller: “Tranquila ho, que non foi moi lonxe, estache na horta do Casildo!”. Tras o chiste, gargallada xeral en toda a familia Paz. Este -e moitos outros- foron pequenos intres de complicidade e ledicia compartida que sempre lembrou o meu pai.

Naqueles tempos escuros, a vida cultural de Vilalba era practicamente inexistente, agás os bailes no Casino e as festas patronais. Lonxe quedaban as luces do primeiro terzo do século, coa proliferación de comparsas e xornais de diferentes tendencias. Só dúas novas publicacións viron a luz nesas décadas, ambas de carácter netamente deportivo: Stadium (1949) e El Castillo (1950). Aquela decadencia cultural foi recollida nunha composición con ripio que se escoitaba polas rúas ao caer o serán: “Vilalba, vila bravía, / cento cincuenta tabernas e ningunha libraría; / só venden silabarios nunha confeitería, / que é de don Mariano Sánchez, casado con dona María”. Ao parecer, esta copla foi autoría dun escultor foráneo, amigo de Baco, que se encargou da reprodución da gruta de Lourdes na igrexa parroquial de Santa María.

Etiquetas