Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Portugal, aí o temos

Por 12 Xuño, 2020Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Lembro como se fose hoxe mesmo o meu primeiro artigo publicado no Terracháxa, aló polo mes de xuño de dous mil oito, titulado Menos mal que nos queda Portugal, co que iniciaba a miña colaboración co xornal que dura ata a actualidade. Nel, narrábase a traxedia derivada do falecemento nun accidente de tráfico de tres obreiros portugueses que voltaban para a súa fregresía pasar a fin de semana, logo de estar traballando nunha obra na nosa bisbarra. Aquela época de bonanza, onde a construcción era o motor da economía, polo que se ofertaban moreas de empregos, moitos dos cales aquí na Galicia eran ocupados por traballadores que viñan alén do río Miño.

Calquera que teña establecido contacto con Portugal nos últimos vinte anos, observará un cambio máis que evidente. Xa non é a sociedade que semellaba ir uns chanzos por detrás nosa, nin o irmán pobre ó que mirabamos con certo aire de superioridade, como se nosoutros estivésemos sobrados. Portugal levou a cabo uns avances considerables, a pesares de chegar a sufrir unha intervención desde a Unión Europea, o que supuxo grandes sacrificios para os seus habitantes. Eses momentos delicados foron superados e duns anos para acó, presenta indicadores que acreditan esa mellora.

Exemplo delo é que está a ser un espello no que se miran outros estados membros desa mesma Europa que hai uns anos lles cantou as corenta. Así, na xestión da crise do coronavirus, están a dar todo un detalle ó conxunto da clase política española. Unha simple ollada ás sesións do parlamento en Lisboa e en Madrid, resultaría suficientemente significativa. A tensión, as algueiradas e as refregas constantes dun lado son substituídas pola templanza, os bos modos e o consenso no outro, ademáis da educación. Encantaríanos contemplar aquí as imaxes que proxectan os nosos veciños noutrora infravalorados, como a que puidemos ver recentemente protagonizada polo xefe de estado, agardando turno na cola dun supermercado para pagar as súas adquisicións coma un cidadán máis. E xa non digamos aqueloutra onde ese mesmo xefe de estado, acompañado do presidente do goberno, de distinta cor política, man a man, arrincaban eucaliptos nun monte logo dos incendios forestais que arrasaron amplas zonas do país con gravísimas consecuencias, tanto na superficie queimada como nas vidas humanas perdidas. Ben é certo, seguindo a brincadeira que ámbolos dous se traían, un facíao coa dereita e o outro coa esquerda.

Para os galegos que consideramos a Portugal unha prolongación do País, co cal compartimos unha lingua, aínda que con diferenciacións ligüísticas, falada nos cinco continentes por millóns de persoas, así como outras moitas tradicións e costumes, é un motivo de satisfacción estas boas novas que veñen do Sur, dunhas terras pegadas a nosoutros e coas que incomprensiblemente mantivemos unhas excesivas distancias nos eidos social, cultural e económico ó longo do tempo.
Agardemos que, unha vez esta maldita pandemia sexa superada, a reapertura das fronteiras contribúa a estreitarmos os lazos destes dous pobos, ós que nos une moito máis do que nos separa.
Porque Portugal aí o temos, a un paso.