Skip to main content
Actualidade

O INE avanza que Galicia gañou 1.803 persoas no saldo migratorio o ano pasado

Por 13 Xuño, 2020Sin comentarios

A poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 situouse en 2.702.244 habitantes, o que supón un incremento de 1.803 habitantes respecto á mesma data de 2019, como recolle a estatística Cifras de Poboación publicada polo Instituto Nacional de Estatística. O INE tamén publica a ‘Estatística de Migracións’ do ano 2019, que indica que no último ano entraron a residir en Galicia 17.542 persoas máis das que saíron, o maior saldo migratorio positivo da serie histórica.

Segundo os datos difundidos esta mañá polo INE, a poboación residente en Galicia a 1 de xaneiro de 2020 está conformada por 2.702.244 persoas, das que 2.585.716 teñen nacionalidade española (o 95,7% do total) e 116.528 teñen nacionalidade estranxeira, o 4,3% da poboación residente na comunidade autónoma.

Ademais, segundo a Estatística de Migracións do ano 2019, Galicia rexistrou un saldo migratorio positivo de 17.542 persoas, o maior de toda a serie histórica –que arranca en 2008- e un 32% superior ao saldo rexistrado no ano 2018, que fora de 13.252 persoas.

Tipo de migracións
Só desde o exterior, a Galicia chegaron 16.866 persoas máis das que saíron, das que 8.384 son menores de 30 anos. Ao mesmo tempo, Galicia tamén gañou poboación polos galegos nados no estranxeiro. Segundo o INE, a comunidade acubilla hoxe 14.656 españois máis ca en 2018 que, nacendo no exterior, agora residen en Galicia.

Galicia tamén gañou poboación desde o resto de España, xa que recibiu 676 persoas máis das que saíron, das que 348 teñen menos de 65 anos. Do total, 507 teñen nacionalidade española e, destes, 195 teñen 64 anos ou menos.  Por outra banda, a chegada de persoas con nacionalidade española a Galicia ascendeu a 7.047 persoas en 2019, das que 6.540 procedían do estranxeiro e 507 doutras comunidades. Das 24.698 persoas que chegaron á comunidade desde o estranxeiro, o 26,47% son españois e o 92% son menores de 65 anos.

Unha vez publicados hoxe estes datos provisionais por parte do INE, o Instituto Galego de Estatística (IGE) vainos incorporar á súa base de datos para realizar a correspondente explotación estatística dos mesmos e proceder posteriormente á súa difusión.