Deputación e Abanca lanzan o Plan de Reactivación cunha liña de crédito de 25 millóns de euros

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, asinaron este martes en San Marcos un convenio de colaboración para o lanzamento do Plan Reactivación, unha liña de financiamento de 25 millóns de euros con condicións vantaxosas para paliar as consecuencias da crise da Covid-19. No acto tamén participaron a Deputada de Economía e Facenda, Mayra García Bermúdez, o coordinador de Banca Institucional de Abanca en Lugo, José Antonio Maira Calvo, e Javier Soto Garrido, director territorial de Abanca en Lugo.

Tomé Roca explicou que este programa forma parte do “compromiso que vén demostrando a Deputación co impulso de medidas, ben sexa con recursos propios, ben con colaboración con outras entidades públicas ou privadas, que contribúan a saír da crise o máis rápido e da mellor maneira posible”. Así mesmo, o titular provincial expuxo que “estamos sempre abertos a impulsar, non só o diálogo e a cooperación entre as distintas administración públicas, senón a apostar por fórmulas de colaboración público-privada”.

Os contactos que o presidente mantivo durante todo o Estado de Alarma cos axentes sociais e económicos, así como coa sociedade civil, “coinciden de maneira unánime na aposta polo traballo conxunto como mellor opción para superar a crise e incentivar a recuperación da economía”, remarcou Tomé Roca. O mandatario provincial engadiu que “nestes momentos é moi importante facilitar a circulación de crédito, axudar a que chegue ás familias, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas, a verdadeira columna vertebral da nosa economía, por iso, na Deputación consideramos necesario e moi positivo renovar este convenio”.

Pola súa banda, o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, destacou que “este novo acordo estratéxico coa Deputación de Lugo “permítenos reforzar o noso compromiso de apoio ao tecido socioeconómico da provincia mediante a concesión de financiación en condicións moi vantaxosas e moi accesible”. “Para as pemes e autónomos, que están particularmente afectados pola crise sanitaria, esta oferta de créditos brandos permitiralles atender necesidades urxentes de financiamento ou mellorar as súas capacidades tecnolóxicas ou dixitais entre outras posibilidades”, subliñou.

Financiamento accesible e vantaxoso
Unha das claves do Plan Reactivación de Lugo é a facilidade de acceso ao crédito, o que se traduce en baixos tipos de interese, ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, amplos prazos de amortización e posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.

No caso de pemes e autónomos, o plan presta especial atención á financiación a curto prazo. Estes colectivos teñen á súa disposición dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise da Covid-19. Ademais, poderán optar a créditos preferentes para a creación de novos negocios e desenvolvemento de novos investimentos, así como para acometer actuacións de mellora da eficiencia enerxética e dixitalización das súas instalacións.

Para as familias, o Plan Reactivación pon o foco en créditos especiais para a adquisición de equipamento tecnolóxicos e servizos de conexión de banda ancha co obxectivo de mellorar as capacidades dixitais dos fogares e facilitar o teletraballo ou a educación a distancia. Ademais, a oferta financeira incorpora préstamos vantaxosos para actuacións orientadas á eficiencia enerxética, incorporación de enerxías renovables e a mellora da accesibilidade das vivendas. Tamén se poden financiar obras de rehabilitación de vivendas en núcleos rurais ou centros históricos da provincia lucense.

No que se refire aos concellos de Lugo, poderán acceder a unha financiación especial para realizar investimentos, circulante, avais, e confirming (servizo de xestión de pagamentos que ofrece aos provedores a posibilidade de cobrar dunha forma anticipada as súas facturas).

Máis de 103 millóns de euros dende 2014
Tomé Roca explicou que o Plan Reactivación é unha iniciativa que a institución provincial vén apoiando dende o 2014 conxuntamente coa entidade bancaria para impulsar o desenvolvemento socioeconómico da provincia a través da concesión de créditos ao tecido produtivo, ás familias e ás corporacións locais de Lugo con condicións preferentes. “A través deste plan xa se inxectaron máis de 103,6 millóns de euros na provincia nestes 6 anos, formalizándose un total 4.110 operacións, na súa gran maioría con pemes e autónomos de ámbitos moi diferentes”.

Durante o ano pasado o tecido socioeconómico da provincia de Lugo recibiu financiación por un importe de 17,3 millóns de euros. En total realizáronse 710 operacións de financiación cun importe medio de 25.200 euros. Os principais destinatarios dos créditos concedidos foron as pemes e autónomos, e o 81% do volume financiado destinouse a atender necesidades de circulante.

Etiquetas