Candia analiza con Maquinaria Durán a situación do sector

A responsable provincial do PP na provincia de Lugo, Elena Candia, reuniuse onte con representantes de Maquinaria Durán, un dos principais comercializadores e exemplo de coprmiso social e deportivo coa provincia. Nesta reunión, Candia destacou a importancia do sector primario na provincia, que o ano pasado recibiu 2,1 millóns de euros en apoio á compra de maquinaria agrícola.

A boa xestión do Goberno galego dos recursos do Feader permite aos agricultores e gandeiros beneficiarse de axudas para adquirir maquinaria nova, incrementar a seguridade no traballo e aumentar o aforro enerxético”, dixo
A popular recordou que “o DOG publica hoxe a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% da contía aprobada de certas axudas ao medio rural entre as que se atopan as dos plans de mellora e adquisición de maquinaria en réxime asociativo”.

A cabeza de lista da candidatura do PPdeG pola provincia de Lugo ás eleccións ao Parlamento galego, Elena Candia, recordou “a importancia do sector primario para a nosa provincia” durante unha reunión cos responsables de Maquinaria Durán, un dos principais comercializadores de maquinaria agrícola da provincia de Lugo, na que tamén participaron os candidatos Ramón Carballo e Cristina Sanz. Candia quixo destacar tamén “o compromiso da empresa coa provincia de Lugo tanto dende o ámbito social coma deportivo”.

Os populares abordaron, así mesmo, as convocatorias de axudas da Xunta para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo que no pasado exercicio 2019 supuxo unha achega de preto de 540.000 euros, da que se beneficiaron cinco cooperativas da provincia. O importe dirixido polo Goberno galego directamente ás explotacións lucenses para este mesmo fin ascende a 1,6 millóns de euros. “A Xunta achegou, no seu conxunto, un total de 2,1 millóns de euros para a adquisición de maquinaria agrícola no ano 2019”, puntualizou Candia.

Candia puxo en valor “a boa xestión por parte do Goberno galego dos recursos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) que permite dirixilos aos agricultores e gandeiros que adquiran maquinaria nova”. Deste xeito, contribúese a fomentar a introdución de novas tecnoloxías nos equipamentos agropecuarios, incrementar a seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes ao mesmo tempo que supón un importante aforro enerxético. Indubidablemente, no caso do seu uso compartido, os agricultores e gandeiros logran racionalizar tamén os custos de mecanización das súas explotacións.

A popular recordou que “hoxe mesmo o DOG recolle a posibilidade de solicitar o anticipo do 50% das axudas aprobadas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, as axudas de incorporación ou para pequenas explotacións; así coma aos plans de mellora de explotacións agrogandeiras -que inclúe tamén apoios á adquisición de maquinaria- e as axudas para cooperativas de utilización de maquinaria agrícola (CUMA)”. Estes dous últimos tipos de achegas apoian a renovación do parque agrícola coa compra de nova maquinaria que contribúe a reducir os costes enerxéticos e tamén a mellorar a seguridade no traballo.

As axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo convocadas para este 2020 polo Goberno galego está dotada con 2,5 millóns de euros dirixidos a sufragar entre o 35% e o 50% da contía da adquisición de nova maquinaria. Con todo, estas axudas apoian tamén os custos de adquisición de maquinaria agrícola coma os estudos técnicos-económicos de viabilidade das entidades asociativas que queiran ofrecer aos socios maquinaria en réxime compartido. “Tanto cooperativas agrarias, coma cooperativas de utilización de maquinaria agrícola coma cooperativas de explotación comunitaria ou sociedades agrarias de transformación poden beneficiarse destas axudas”, explicou a candidata popular ao Parlamento galego.

Etiquetas