A Mariña sumou esta mañá un total de 21 casos activos máis

A Consellería de Sanidade informa que ata esta mañá confírmanse outros 21 casos activos de persoas afectadas por covid-19 no brote da Mariña. Os novos casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas elevan a 165 o número de casos activos dentro deste brote. Hai que salientar, tamén que xa se produciron 25 altas epidemiolóxicas de persoas que eran positivas e que xa están curadas.

Así mesmo, destacar que os novos positivos que se produciron están relacionados co brote detectado dende o martes 23 de xuño.  Dos 165 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Cinco persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Máis de 300 delas xa recibiron tamén a alta epidemiolóxica tras superar o período de illamento e non desenvolver a enfermidade. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

Doutra banda, a Xunta descartou onte que se puidesen realizar modificacións no proceso electoral deste domingo, onde están chamados ás urnas todos os galegos, incluídos aqueles que arroxaron un resultado positivo nos PCR e aos que non se lles pode negar o seu dereito para votar.

Tamén avanzou o presidente da Xunta, que o 80% dos casos están radicados en Burela polo que mañá proporá levantar as restriccións nalgúns dos concellos.

A PROVINCIA

No caso da área sanitaria Lugo, que contan os casos activos en distintas franxas horarias, o número total de casos activos aumentou en 24, ata os 190, segundo os datos feitos públicos este xoves.

En canto ás hospitalizacións, a situación permanece invariable con respecto á xornada do mércores. Desta maneira, os ingresados na área mantéñense en seis, un no Hospital Lucus Augusti (Hula) e cinco no Hospital Público da Mariña, mentres que as Ucis seguen sen casos Covid. Os restantes 186 contaxiados evolucionan nos seus respectivos domicilios.

Desde o inicio do plan de continxencia pola pandemia do coronavirus, 950 persoas curáronse na área de Lugo –18 máis que o mércores–, mentres que o número de falecidos mantense en 28.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 256, 11 máis ca onte. Deles 22 son da área da Coruña, 190 da de Lugo, 1 da de Ourense, 3 da de Pontevedra, 24 da área de Vigo, 14 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 249 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.880 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

 

Etiquetas