Oitenta anos sen Galicia

Por Moncho Paz

Aínda moi feble, tras recuperarme dunha pulmonía dobre na adolescencia, unha tarde de primavera escoitei atentamente este conto do Chavito, que comezaba así: “Antes de que Europa descubrise América, algúns científicos sabían que á outra beira do océano había máis terra. Deducírono ollando o mar, e concluíndo que fan falta dúas beiras para que existan as ondas. Entre elas, dunha a outra, a auga arrólase ao ritmo da respiración, como cando un soña”. Desta maneira coñecín de primeira man a historia persoal de Néstor José Yáñez Paz, curmán do meu pai e o sobriño maior do meu avó Mario Xosé.

O mar móvese de lonxe, alén do Malecón da Habana. Un home dorme fondamente na terraza dunha das vivendas unifamiliares do municipio de Playa. Estamos na hora da sesta. A súa respiración é lenta e contaxia a todo o que o arrodea: o aire que entra pola xanela, o gato que xoga entre as cadeiras e a hamaca… Os vellos pulmóns de Néstor enchéronse sempre do aire que se abanea co vento entre Galicia e Cuba: tómao aquí, lánzao alá e de novo regresa. Quizais por iso chegou aos oitenta e dous, quizais por iso sobreviviu oitenta anos sen Galicia.

Néstor é un home de longos soños. Nado en 1921 na parroquia vilalbesa de Santaballa, no lugar de Cendoi, deixou a aldea no colo dos seus pais con apenas dous aniños para instalarse na Habana. Alí viviu todo este tempo. Como persoa de mundo, foi testemuña dunha historia convulsa: a guerra civil, a Segunda Guerra Mundial, a Revolución castrista… Mentres tanto, creceu, amou, enterrou aos seus mortos… E se foi capaz de soster a súa existencia foi por un soño, tan necesario como o alento: regresar á terra onde naceu. Á hora da sesta, o único electrodoméstico que parece ter vida na casa é unha vella lavadora rusa dos setenta, marca Aurika, que simboliza outra época. Mentres Néstor soña e o tambor da lavadora xira, a memoria ponse en marcha.

Dinorah Prieto Rocha ten noventa e dous anos, dez máis que Néstor. Despois de seis décadas de vida en parella, a esta cubana filla de emigrantes de San Miguel de Reinante segue a sobrarlle o amor, percíbese nos seus xestos. El dorme, ela non. Sabe que hai soños que non están feitos para seren cumpridos, senón para seren soñados, e o seu encanto reside precisamente en seren inalcanzables. Hai ideais que se constrúen a base de sumar imposibilidades; distinguir uns de outros forma parte da madureza. Así foi como lle aconteceu a Néstor cando, aos vinte anos, descubriu que existía unha Galicia feita de xeito exclusivo para o desexo e a paixón polas orixes. A vida mesma e as súas opcións para a felicidade levárono por outros camiños. A diferenza dos seus irmáns, que traballaban na tinturaría familiar, Néstor estudaba enxeñería civil na Universidade da Habana cando coñeceu á súa media laranxa. Namoráronse perdidamente. E tivo que renunciar ao seu prometedor futuro como delegado en Cuba da empresa norteamericana Permastone Construction, que incluso lle ofreceu mudarse a Miami, por manter a súa relación con Dinorah, unha decisión que non foi ben vista por parte da familia Yáñez Paz, contraria a que compartise destino vital cunha muller viúva, nai dun raparigo e dez anos máis vella. Porén, a Cuba do amor libre pesa máis en Néstor que as tradicións e a promesa de mellores oportunidades profesionais. Superadas estas barreiras, iniciaron unha convivencia que perdurou durante máis dunha ducia de lustros.

Eran tempos complicados para o amor. María Xosefa, a nai de Néstor e irmá do meu avó, morreu en 1956, e en decembro dese mesmo ano Fidel Castro desembarcou a bordo do Granma na praia das Coloradas acompañado de oitenta e dous homes, dos cales só sobreviviron doce; con eles penetraría posteriormente en Sierra Maestra para comezaren unha guerra de dous anos contra o réxime de Batista, contenda que rematará co triunfo dos revolucionarios e a entrada de Fidel na Habana o 1 de xaneiro de 1959.

Aí volve Galicia, a terra da ilusión, xogar a súa baza. A ditadura de Franco mantense en España, e as liberdades, polo tanto, seguen a ser unha quimera. A historia deixa fonda pegada nos individuos, pero agora os protagonistas son outros. Non os galegos do exilio senón os que naceron e creceron nel. A nova xeración de galegos medra entre a morriña herdada dos seus pais e as súas propias vertixes. Néstor e os seus irmáns perderon todas as propiedades conseguidas con infindo esforzo, a pesar da decisión familiar -acordada por unanimidade- de permanecer na Habana cando en abril de 1961 o novo goberno proclama o socialismo e dá a oportunidade de abandonar a illa a todo aquel que non estea de acordo co cambio político.

Foi así como Galicia se converteu nunha utopía para os galegos residentes na illa caribeña, que sumaron imposibilidades compensadas doutro xeito, pois á calor da revolución a vida cultural cobrou novos bríos. Sen ir máis lonxe, o Centro Galego seguiu a incorporar grandes persoeiros do mundo da nosa cultura, como Xosé Neira Vilas, creador da Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística da Academia de Ciencias de Cuba, un feito que reverterá con singularidade na historia e nas letras da Galicia real.

Fin da sesta. Néstor esperta a media tarde coa visita de Julito, o fillo de Dinorah, que trae a correspondencia que recibiron no local da Liga Santaballesa da Habana. Chegou unha carta remitida dende Vilalba polo seu curmán Ramón Paz Guntín, na que o convida a pasar tres meses en Galicia, facendo posible que vexa cumprido o soño da súa vida. Un mes despois, o 23 de xuño de 2003, ás 17:20 horas, Néstor José Yáñez Paz aterra no aeroporto de Santiago de Compostela, tras oitenta anos sen Galicia.

Etiquetas