Skip to main content

Por Pablo Veiga

Levamos uns días da nova estación e xa nos imos decatando do que significa a denominada nova normalidade. Os pequenos remataron o curso recollendo as súas notas, tra-lo último trimestre sen pisar o cole e recibindo as aulas correspondentes vía telemática, misión na que cómpre recoñecer o esforzo e a creatividade do profesorado para, na medida do posible, rematar o programa previsto. E similar situación foi a vivida polos estudantes do demáis ciclos, desde o medio ata o universitario.

No plano laboral, paseniño observamos que unha boa parte daqueles traballadores que se atopaban en suspensión temporal voltaron a funcionar. O mesmo con autónomos e empresarios, os cales, tras unhas semanas sen factutar, reabriron con ilusión os seus negocios. Iso si, todos eles, xefes e empregados, coa mosca tras da orella pola incerteza do que depare o futuro máis inmediato, ademáis de pensar nas consecuencias da declaración da renda a presentar a vindeira primavera, na cal é probable que cause algún que outro susto. Por riba de mel filloas: A xente  marcha ós ERETS, cobra menos, pero como existen dous pagadores, a consecuencia resultante é que a Axencia Tributaria mete man. Créanme, queridos lectores, que custa entendelo, polo menos a este servidor.

E aqueles con maior fortuna e dispoñibilidade, están a pensar nas posibles vacacións, se é que non están xa gozando delas. E aquí, por suposto que tamén existen considerables cambios. O primeiro deles, ven dado pola dificultade de concretar destino desa viaxe que temos en mente, xa que o sentimento de inseguridade aféctanos a todos, polo que establecer plans que conleven marcharmos do noso entorno máis próximo pode ser arriscado. En segundo lugar, é evidente que os nosos comportamentos en todo o relacionado co ocio e desfrute do tempo libre teñen que ser mudados. Esta realidade tamén debería ser unha oportunidade para redescubrir –se é que non se coñece- o que temos a carón nosa, sen necesidade de contratar un paquete vacacional con rumbo a lugares lonxanos.  Sempre se escoita dicir que buscamos fóra o que temos na casa. E non cabe dúbida que, tanto en paisaxe, como en gastronomía e riqueza cultural, a Nosa Terra pode competir con calquera outra localización. Igual é o momento de que os galegos nolo creamos.

Ai, que verán …!. Nin se celebrou o multitudinario Arde Lucus . Ata as míticas fogueiras de San Xoán foron reducidas ó ámbito máis privado. E sobre as festas patronais das distintas parroquias, en principio semella que teremos que conformarnos cun bo xantar en familia. E que dicir doutros acontecementos tan singulares na nosa bisbarra, como a Festa da Fraga nas Pontes ou a Xira de Vilalba, sen esquecer o Festival de Pardiñas, que probablemente sexan cancelados.

A proba do atípico deste momento é que ata a Orquestra Panorama suspendeu as súas actuacións. Non hai máis que engadir.

En fin, que esta normalidade non faga decaer o ánimo, aínda que este bicho non foi derrotado totalmente , resistindo a marchar sen abandonar as súas malvadas intencións.

Teñámolo en conta.