A Deputación impulsa o cultivo sostible de froitos do bosque

O presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijóo Lamas, para impulsar o cultivo sostible de froitos do bosque na provincia co fin de diversificar a produción do sector primario e xerar valor engadido no rural lucense. No acto participou tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

A través deste proxecto, os profesionais de Asefoga establecerán unha parcela piloto demostrativa de froitos do bosque, ofrecerán asesoramento, difundirán información de utilidade e organizarán unhas xornadas técnicas sobre este cultivo.

A Deputación achega 37.000 euros para impulsar esta iniciativa, que concorda cos obxectivos da institución para o sector agrario e forestal da provincia. Na sinatura do acordo de colaboración, Tomé Roca destacou que “o proxecto de cultivo de froitos do bosque conxuga moi ben coas tendencias de consumo, a demanda real dos mercados e a nosa tradición agrícola”. Engadiu ademais que “é unha iniciativa que tamén concorda coas liñas de traballo que a Deputación impulsa para xerar emprego no rural e frear o abandono dos montes e o despoboamento”.

Neste senso, o Presidente subliñou que a Deputación traballa “da man do propio tecido produtivo, da Universidade e de asociacións profesionais como Asefoga por un sector agrario e forestal con capacidade para xerar riqueza, emprego, asentar poboación na provincia e tamén como unha parte fundamental na ordenación do territorio”.

As moras, arandos e framboesas e demais froitos do bosque son na actualidade un produto á alza moi demandado e apreciado polos consumidores para consumo en fresco, como ingrediente culinario ou en produtos cosméticos. O cultivo destes pequenos froitos supón un elevado valor engadido que abre novas posibilidades de aproveitamento do rural e xeración de postos de traballo vinculados á súa recollida, manipulación e comercialización.

Etiquetas