O Sergas asegura que está controlado o brote da Mariña

O Sergas anunciou hoxe que xa está controlado o brote de coronavirus detectado na Mariña. Para iso fixo referencia ás cifras presentadas hoxe, nas que só se sumou un caso novo e se deron dúas altas polo que o balance de casos activos queda cun caso menos que onte, en 184. Ademais, comunicaron que un total de 30 persoas foron dadas de alta dende que comezou este brote, que se detectou o 23 de xuño en Xove pero que ten o seu foco principal de incidencia en Burela, Concello que permanece cunha gran parte de poboación confinada e con medidas de protección reforzadas.

Dos 184 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Deles, dúas persoas con covid-19 atópanse ingresados no Hospital Público da Mariña e “a súa evolución é favorable”, aseguran.

Mentres tanto, na provincia contabilizáronse 2oo casos activos, un máis ca onte, dos que 184 son da Mariña. Deles, non hai máis hospitalizados que os dous da Mariña mentres o número de curados finais é de 982 (dous máis que onte) e o acumulado de casos ata a data é de 1.210 casos.

En Galicia, o número de casos activos de coronavirus en Galicia aumentou en 9 o número de casos activos que é de 262. Deles 24 son da área da Coruña, 200 da de Lugo, 4 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 11 da área de Vigo, 16 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 255 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.943 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos. Son cinco máis na área da Coruña; dous na de Santiago, outro en Pontevedra e un máis na de Lugo.

Etiquetas