Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Rexístranse en Lugo un total de 15 masas consolidadas de frondosas autóctonas

Por 15 Xullo, 2020Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 38 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 1.900 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 15 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

O Diario Oficial de Galicia publica, precisamente, o anuncio de información pública do primeiro expediente de inscrición no devandito rexistro. Neste caso refírese ao monte Fraga de Areosa, un souto de castiñeiros e bosque de ribeira de especiais valores titularidade do Concello de Mesía, na provincia da Coruña.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas de unha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto 167/2019, do 5 de decembro, que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha de elas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seu valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.