Tomé fai balance do seu primeiro ano ao fronte da Deputación

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Promoción do Territorio, Turismo e Réxime Interior, e voceira socialista do Gobenro, Pilar García Porto, mantiveron na mañá deste venres un almorzo informativo con xornalistas da provincia con motivo do seu primeiro ano de mandato á fronte da institución. O mandatario provincial realizou un repaso polas principais liñas de traballo do Goberno que dirixe, dos proxectos que están en marcha e marcou a folla de ruta que a institución vai seguir no novo escenario que se abre logo da crise do coronavirus Covid-19. José Tomé asegurou que á volta do verán o Goberno comezará a traballar nos orzamentos do 2021 para telos aprobados este ano e poder comezar a executalos a principios do vindeiro, e anunciou que vai “reactivar a captación de fondos da Unión Europea para relanzar a economía e o emprego despois da crise sanitaria e para aproveitar as potencialidades da provincia nestes momentos que é tan necesario”.

“Creo que este primeiro ano de mandato foi bo para a provincia e para todos os veciños e veciñas. Hoxe a institución que dirixo é noticia polo seu traballo, polos seus proxectos e polo debate políticos dentro das canles normais que marca a democracia”, explicou o presidente. Tomé Roca destacou a estabilidade do Goberno, cunha boa relación entre os dous socios baseada na confianza e no diálogo, o que permitiu, entre outras cuestións, disolver Suplusa e aprobar os orzamentos 2020 en tempo e forma.

Un dos temas centrais que marcaron as actuacións da Deputación nos últimos meses foi a xestión da crise da Covid-19. “Esta é unha situación grave, imprevista e inédita, que dende a Deputación fomos capaces de dar resposta de maneira áxil e eficaz aos concellos e á veciñanza”. O presidente deu conta das principais medidas que adoptou a institución, dende as medidas de seguridade adoptadas, os protocolos nos centros de maiores, a campaña EN LUGO,SI para a reactivación do comercio, a hostalería e o turismo, ata a adaptación do Plan Único para que os concellos poidan destinar a metade dos recursos a afrontar a crise e a mobilización de preto de 70 millóns de euros dende o inicio da pandemia para poñelos a disposición dos municipios e do tecido social e produtivo”.

Cooperación cos concellos
O presidente subliñou que neste ano a Deputación demostrou tamén a capacidade de cooperación cos concellos de todas as cores políticas, e co resto de administracións.

“Reforzamos o papel da Deputación como Concello dos Concellos, a través de instrumentos esenciais como o Plan Único, que subimos ata os 21,3M€, e outros plans, como o de dotación de marquesiñas, o de aforro enerxético Ilumin@ ou de instalación de desbriladores, entre moitos outros”, asegurou.

A maiores, a Deputación firmou neste último ano convenios con concellos de toda a provincia por importe de 2,6M€, ademais de facilitarlles ás entidades locais os medios do Parque Móbil ou todo tipo de asistencia técnica.

“Creo que é o momento de reivindicar o municipalismo, facer unha revisión en profundidade das facendas locais, porque os concellos estamos asumindo cuestións que non son da nosa competencia directa”, indicou.

Servizos sociais e infraestrutras
En materia de servizos sociais, ademais de destacar que a Deputación destina o 33% do Orzamento a políticas sociais e que cre no público, o presidente fixo un repaso da actual situación dos catro centros de maiores que a institución ten funcionando na provincia e dos que están a piques de abrir ou en construción. “Abrimos o da Fonsagrada hai uns meses, asinamos o convenio marco do concello de Castroverde, contratamos o equipamento da de Pedrafita do Cebreiro, recibimos as obras da de Meira, asinamos o protocolo para construír a de Pantón, adxudicamos a de Portomarín e iniciamos as obras da de Guitiriz”.

Neste sentido, confirmou que antes de finalizar o ano abrirán os centros de maiores de Castroverde e Pedrafita.

Tomé Roca apuntou que debido á crise da Covid-19 se está demostrando que o modelo provincial de residencias funciona e é necesario porque “é público, de proximidade, e non busca o negocio. Garantimos o benestar e a calidade de vida dos nosos maiores e das súas familias, e tamén das comarcas nos que están ubicados, xa que xeran empregos que fixan poboación no rural”.

O presidente, como encargado directo da área de Xestión Territorial, destacou que a prioridade en materia de infraestruturas é o reequilibrio territorial, “iso do que tanto se fala e que logo nunca se leva á práctica, porque nunha houbo un plan de reequilibrio territorial para Galicia, dende a Deputación intentamos levalo adiante”.

José Tomé lembrou que a Deputación ten a rede de estradas provincial máis extensa do Estado, e que lle dedica moitos recursos. Así, apunto, destina 6,4M€ en conservación ata o 2021. Como exemplo de xestión apuntou que, este ano, por primeira vez, comezaron os desbroces a primeiros de xuño, que a día de hoxe a Deputación ten obras en marcha en estradas da súa titularidade por valor de 4,6M€ e que antes de finalizar o ano se adxudicarán obras por outros 3M€.

Turismo e sectores produtivos
O presidente destacou o traballo da Deputada de Turismo, Pilar García Porto, por trazar unha nova folla de ruta adaptada á nova realidade que trouxo consigo o coronavirus en sintonía co sector.

Como proxecto destacado puxo a creación do Parque Central de Galicia en Antas de Ulla, no “epicentro” da comunidade autónoma, un ambicioso proxecto que suporá un revulsivo turístico e económico para a zona e para toda a provincia, que, segundo avanzou o presidente, estará previsiblemente rematado entre finais do 2021 e principios do 2022.

Tamén destacou o bo funcionamento das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra, con máis de 2.500 viaxeiros dende a súa activación a mediados de xuño; a entrada da Deputación na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes; e o apoio ao sector audiovisual para promocionar a provincia con colaboracións como a da serie de proxección internacional O Sabor das Margaridas. “Produtores importantes téñense dirixido a nós para establecer liñas de colaboración”, indicou o presidente, quen asegurou que a provincia se está a converter nun “plató de rodaxe”.

Outro dos puntos que marcaron a intervención do presidente foi o impulso decidido da Deputación do sector primario, sinal de identidade da provincia. “Ademais das colaboracións económicas co sector e coas asociacións profesionais, traballamos por consolidar o papel da Granxa Gayoso Castro como motor do sector agrogandeiro da provincia, mostra é a Granxa Experimental de Leite ou o protocolo para crear no recinto un centro de recría de porco celta”. Tamén fixo referencias á Finca de Tor, en Monforte de Lemos, onde “temos un ambicioso proxecto de produción ecolóxica” para convertela nun motor do sector primario.

Alcoa
O presidente tamén fixo referencia a asuntos de actualidade da provincia, como a situación dos traballadores da fábrica de Alcoa e das empresas auxiliares. “Sempre estivemos do lado dos traballadores e traballadoras” e “fomos os primeiros, nada máis coñecer o anuncio do despido colectivo, en plantexar o que agora din outras administracións: a intervención da empresa, que devolva as axudas públicas por manter o emprego e facer o mantemento da planta, algo que non cumpriu, e a posibilidade de vender”, asegurou.

Así mesmo, “dende a lealdade”, o presidente dixo que seguirá reivindicando á Xunta de Galicia “o que é de xustiza para a provincia”, referíndose a infraestruturas pendentes “por máis de 150M€”, como, entre outras, o corredor Sarria-Nadela, a variante de Viveiro, o acceso ó porto seco de Monforte, a segunda fase da Ronda Leste, o remate do Plan Paradai ou as EDAR de Burela, Foz e Monforte, ademais da mellora de diversas estradas de titularidade autonómica.

A OPOSICIÓN

O Partido Popular dixo do balance de Tomé  que está “cheo dun optimismo tan desbordante como cando avaliou os resultados das eleccións autonómicas, a pesar do teimuda que é a realidade que lle di o contrario, que é que o PSOE se estanca e que o PP pasou na provincia de 8 a 9 deputados”. O portavoz popular, Javier Castiñeira, manifestou: “Escoitando as declaración do presidente, sentímonos abraiados; fala na mesma liña superoptimista que leva nesta última semana, especialmente vendo os pésimos resultados electorais do Partido Socialista tanto en Monforte como en toda a provincia, na que o PP medrou e o PSOE estancouse absolutamente; neste caso, exactamente o mesmo. A realidade di que son a terceira forza, que non aproveitaron o goberno na Deputación e nos concellos grandes. Polo seu lado, o PP, gobernando concellos pequenos e facendo unha boa labor de oposición na Deputación, logrou gañar un deputado máis”. Engadiu: “Os resultados electorais do PSOE delatan a Tomé”.

Javier Castiñeira sinala: “Tomé fai unha valoración ultrapositiva, totalmente inxustificada nun ano no que a Deputación pasou absolutamente desapercibida cando tiña que ter moito protagonismo. Foi un ano difícil e complexo no que a Deputación non asumiu o liderazgo na provincia e seguiu cos planes que xa se facían con anterioridade, como é o Plan Único ou o de subvencións. Na crise da covid-19 chegou tarde a todo e fixo moi poucas inversións e moi tarde”.

Castiñeira tamén manifesta: “No eido turístico, o turismo fluvial ten tremendamente danada a súa imaxe. Hai áreas recreativas con enorme potencial que seguen abandonados. E a gota que colmou o vaso foron as últimas declaracións, en termos electoralistas, que danaron moitísimo a imaxe da Mariña lucense, dicindo que non se daba a seguridade sanitaria necesaria para acudir a votar, o que asustou a todos os turistas que había e danou a confianza de todos os mariñáns”.

Para o portavoz provincial do PP, “en termos políticos, na Deputación hai agora menos diálogo que había con anterioridade”. Neste sentido sinala: “Lamentamos que houbera un cambio para peor desde a política que levaba o señor Campos. Hai moi poucas xuntas de portavoces, escoitase pouco á oposición”. Castiñeira lembrou que “as estradas, lamentablemente, non melloraron”.

En resumo, para o PP, “o balanzo deste ano é pésimo e así debe ser recoñecido tamén polo goberno provincial”.

Etiquetas