Sanidade levanta as retriccións na Mariña tras unha nova baixada de casos activos de covid-19

Nas últimas horas reduciuse noutros 10 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 86 PCR realizadas nesta última xornada, 2 resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, outras 12 persoas positivas en covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 69, é dicir, 10 menos ca onte.

Así mesmo, destacar que todos os novos positivos que se seguen a detectar nesta área están relacionados co brote, o que permite seguir a trazabilidade dos casos e continuar na estratexia de busca activa de contactos e realización de todas as probas necesarias de forma precoz para cortar a transmisión e conter o brote.

Dos 69 casos activos, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Dúas persoas con covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Nestes momentos hai 361 persoas en seguimento domiciliario, 24 menos que onte.

A situación faise visible no día no que a Consellería de Sanidade decidiu levantar as restricións de mobilidade no municipio de Burela, que ten 41 casos activos. Concretamente a partir da medianoite deste mércores ao xoves poderase saír e entrar libremente da localidade.

Ademais, tómanse unhas medidas adicionais que pasan por ampliar o horario da hostalería –o peche pasa das 00,00 horas ás 1,00 horas–, aínda que se mantén vixente o aforo do 50%.

Mentres, na provincia os casos activos son xa menos de 100, concretamente 98 trala baixada en oito nas últimas 24 horas. En Vilalba detectouse un caso máis pero está relacionado cos outros seis casos detectados no mesmo ámbito familiar.

En Galicia, pola contra volven aumentar en 2 casos e son xa 180 este mércores. Deles 37 son da área da Coruña, 98 da de Lugo, 5 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 11 da de Santiago, e ningún da de Ferrol. Este aumento débese aos casos rexistrados na Coruña co equipo do Fuenlabrada, así como dous máis en Santiago e en Vigo. Por outra banda senguen sen cambios no resto.

Do total de pacientes positivos, 8 están en unidades de hospitalización e 172 no domicilio, non habendo ningún en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.131 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Etiquetas