Skip to main content
Actualidade

O PSOE da Deputación pedirá participar no reparto de fondos europeos para a dixitalización

Por 27 Xullo, 2020Sin comentarios

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá o vindeiro martes no Pleno da Corporación provincial unha moción na que reclama a participación das administracións locais na xestión dos fondos europeos para a dixitalización “co fin de saldar as carencias históricas da provincia”. Así o anunciou a voceira do PSdeG na Deputación, Pilar García Porto, que lembrou que o pasado 21 de xullo, acordáronse medidas económicas para loitar contra os efectos da crise económica xerada pola covid-19, que supoñen un investimento de 750.000 millóns de euros, 390.000 deles en axudas directas.

A Deputada sinala que “no caso dos fondos que vaian destinados á dixitalización e melloras en infraestruturas tecnolóxicas, reclamamos que teñan en conta as carencias históricas da provincia de Lugo e se empreguen para dotala dunha rede de telefonía móbil que garanta a cobertura total do territorio. Unha rede que teña capacidade para dar servizo cos actuais criterios de transmisión de voz e datos, e deseñada para incorporar melloras como o 5G e outros avances semellantes no futuro”.

Deste xeito, afirma que, “actualmente, os concellos de Galicia están a facer un esforzo económico importante, xa que no só detectan as zonas de cobertura deficiente ou inexistente, e poñen a disposición do Amtega as parcelas nas que instalar as antenas, senón que pagan hasta 30.000 euros pola acometida eléctrica necesaria para instalar cada unha delas. Entendemos que a nova achega de fondos europeos ten que permitir reformular esta situación para liberar ás facendas locais de seguir asumindo o custo dunha infraestrutura básica que a Xunta comprometeuse a implementar coa aprobación da Lei 3/2013 de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”.

Coa normativa enriba da mesa, os socialistas denuncian que a “Xunta incumpre o seu propio ordenamento legal, xa que moitos veciños e veciñas teñen aínda problemas para establecer comunicacións de voz mediante telefonía móbil, o que supón unha discriminación social, unha contribución á perda do emprego e o despoboamento, e un risco para a saúde, ante os problemas de acceder ó servizo de emerxencias cando non se está na casa, a carón dun teléfono fixo. E a Xunta, en lugar de poñer os medios para a solución destas deficiencias, carga nas facendas locais o custo dunha infraestrutura básica”, subliñou Pilar García Porto.

Por todo isto, o Grupo Provincial Socialista reitera o seu compromiso coa dotación de servizos básicos para o conxunto da poboación e coa necesidade de contar cunha rede de telefonía móbil e datos de calidade e que dea servizo ó conxunto do territorio da provincia.

O PSdeG propón os seguintes acordos:

• Solicitar ó Goberno de España que os fondos europeos destinados á dixitalización que se van transferir ás comunidades autónomas vaian condicionados tendo en conta ás entidades locais, é dicir, ás Deputacións e ós concellos.
• Instar á Xunta de Galicia a que distribúa os fondos europeos de dixitalización tendo en conta as necesidades dos territorios que aínda non contan con cobertura, ou nos que é claramente insuficiente, garantindo un servizo de calidade e uniforme para o conxunto do territorio galego e unha rede de telefonía móbil completa para a totalidade da provincia de Lugo.