Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba propón honras para Concha da Reina e Manuel María

Por 29 Xullo, 2020Sin comentarios

Vilalba ten unha débeda pendente coa súa memoria. Así o trasladará de novo este xoves o goberno local no pleno municipal, onde solicitará unha homenaxe pública á matrona pola que pasaron tres xeracións de vilalbesas e vilalbeses, Concha da Reina.

Esta vilalbesa nacida a comezos do século XX foi a primeira comadroa titulada da capital chairega, unha recoñecida e apreciada profesional que o Concello de Vilalba quere lembrar e poñer de relevo na historia da localidade. No pleno, se falará tamén dunha proposta de distinción honorífica impulsada polo grupo de goberno para o poeta Manuel María.

Con respecto a Concha da Reina, foron moitos os persoeiros que resaltaron a súa figura “como unha muller dedicada e entregada a outras mulleres e ás súas crianzas nun momento tan especial como o nacemento, incluso chegando a denominala como o anxo da garda das mulleres”, comentan desde o Concello.

Agora, moitos anos despois e tras diversas peticións de persoas con arraigamento na vila, “o que xa supón un clamor social evidente”, o goberno vilalbés fará “unha homenaxe a través dunha escultura simbólica do seu labor e profesión que se situará no parque infantil da gardería municipal, un espazo que pode recoller e albergar a importancia dunha vida dedicada á infancia e ás familias, especialmente ás mulleres”.

Este recoñecemento “estaba pendente despois de manter varias conversas con membros da familia de Concepción Braña y Rey, o seu nome oficial, así como con persoas moi vinculadas á súa familia, cuestión que quedou pendente e que se atopaba paralizada por mor da pandemia”. Agora, consideran, “é o momento de retomar esta cuestión facendo o encargo desta escultura, e presentándoa cando chegue o momento para outorgar un recoñecemento xusto e compartido pola sociedade vilalbesa”.

Tanto no caso de Concha da Reina como de Manuel María, o expediente para a distinción iniciouse por un decreto de alcaldía, ao que se achegou un informe e unha proposta de resolución que os grupos da oposición teñen á súa disposición. Para que saia adiante, deben votar a favor dous tercios da corporación.

No caso de Manuel María, o inicio do expediente deriva dun compromiso adquirido polo goberno na última sesión plenaria. As dúas distincións se votarán no pleno despois do correspondente expediente e das tramitacións oportunas recollidas no regulamento (Regulamento Especial de Honras, Distincións e Protocolo Cerimonial do Concello de Vilalba).