Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Por unha prensa en galego para normalizar o país

Por 6 Agosto, 2020Sin comentarios

Por Raúl Río

Este periódico, foi fundado en outubro de 2003 por Felix Jorquera Caselas, coa intención de crear un medio independente, que tivera moita incidencia a nivel cultural e dar unha información do que acontecía nos concellos da nosa comarca. Empezou con unha tirada de 2.000 exemplares e agora anda polos 4.000, o que nos amosa a aceptación que tivo ao longo da súa historia entre a poboación da chaira.

Hoxe, a pesar do cambio habido na dirección, segue coa mesma teima de acadar os mesmos fins para os que foi fundado, informándonos das diferentes actividades que se levan a cabo nos diferentes concellos da Terra Cha, tanto por medio da edición impresa como da virtual, dando voz ao noso agro e a outros sectores en perigo de extinción por culpa das políticas impostas, xa que Galiza, por desgraza, é unha nación sen Estado e a súa relación coa metrópole que nos desgoberna  é puramente colonial, impoñéndonos a súa lingua e unha política favorable aos intereses do imperio, en detrimento dos nosos.

Proba do que estou a dicir é que producimos electricidade, exportando o excedente a outras zonas do Estado nas que alimenta as industrias que crean postos de traballo e riqueza neses lugares, mentres aquí nos pechan ALCOA, despedindo aos seus traballadores, e pagamos as facturas mais caras que os habitantes e as empresas deses pobos onde se consume; somos a nación do Estado Español que mais leite produce, pero, debido a inacción do goberno da Xunta, os nosos paisanos do rural teñen que vendelo ás multinacionais foráneas a un prezo por baixo dos custes de produción; temos que pagar a autoestrada AP-9, a mais cara do estado e axudamos a rescatar as ruinosas autovías madrileñas; están destruíndo o noso sector primario e os nosos paisanos, para poder sobrevivir, teñen que plantar eucaliptos nos prados e fincas de labranza para maior gloria de ENCE e dos ex dirixentes políticos do PSOE e do PP, que utilizaron a “porta xiratoria” para colocarse no seu consello de administración e para que teñan mais materia prima os pirómanos.

Todas estas verdades, e moitas mais que me deixo no tinteiro, probablemente non serían publicadas nalgún dos periódicos tutelados que adulan ao poder establecido. Teríame que aplicar a auto-censura si quixera velas publicadas neses medios, pero escribo este artigo para un periódico verdadeiramente independente e democrático, no que teñen cabida e se respectan todas as ideas, polo que estou seguro que estas verbas chegarán ao lector sen ningún tipo de recortes nin censuras.

É, para min e para todos os que amamos a nosa terra e o seu idioma, unha ledicia poder celebrar o número 200 deste periódico. Cando moitos diarios, editados integramente en galego, como Galicia Hoxe, o Xornal de Galicia, e semanais, como A Nosa Terra, tiveron que pechar, polo que hoxe so quedan -ademais doutras pequenas publicacións, como Tempos Novos e De luns a venres-  o diario Nós, este Terra Chá, na nosa Chaira e A Peneira -tamén Mensual-, na Área Metropolitana de Vigo e o sur da provincia de Pontevedra. Estas dúas publicacións mensuais teñen aínda mais mérito ao ser gratuítas, subvencionándose cos anuncios de establecementos comerciais e a publicidade de algún que outro concello. Sen embargo apenas aparece nestes medios publicidade institucional da Xunta de Galiza, que ten a obriga de defender a lingua propia de Galicia, polo que debéran contar co trato preferente desa Administración.

Pero non é soamente na publicidade onde marxina a estes medios verdadeiramente independentes, senón tamén no das subvencións a estes periódicos que fomentan o noso idioma, xa que as subvencións fanse aos grandes monopolios da información e non a aqueles que loitan día a día pola súa supervivencia e compre fomentar entre todos a lectura e potenciar o consumo destes medios. As axudas, para ser xustas, deberan ser inversas á tirada, como se fai  en Madrid e non subvencionar a “El Corte Inglés” porque pon “Rebaixas” na vez de “Rebajas”, polo Día das Letras Galegas e son precisamente os periódicos que non utilizan mais do 5% do galego na súa liña editorial os que mais diñeiro perciben, o que nos amosa o desinterese da Xunta polo idioma natural de Galiza.

É tal o desleixo da Xunta, que podemos ver diariamente como o oprime, na vez de potencialo, prohibindo dar clases de física ou matemáticas en galego, permitido dalas en inglés, coa sinistra intención de desprezar ante os estudantes a lingua que utilizou Alfonso X, o rei mais Sabio que tiveron os españois. Isto a pesar de que o Consello de Europa volve a reclamar á Xunta o fin das trabas para a ensinanza en galego e da contrarreforma lingüística nas escolas. O reproche europeo mais recente chegaba nos primeiros días de decembro do ano pasado, debido ao incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, tratado internacional rubricado polo Reino de España no ano 2001, con Aznar no  Goberno central, no que o Comité de Expertos constatou diversos incumprimentos en Galicia derivados das medidas tomadas por Feixoó.

Por todo isto é necesaria esta prensa, que, sen complexos, dá valor ao noso, facendo un periodismo ameno, sinxelo e próximo, que axuda a normalización do noso pais.

Mil primaveras mais para o noso idioma e para este medio que o utiliza!