Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A Xunta concede axudas para a creación de superficies forestais

Por 9 Agosto, 2020Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o anuncio da Consellería do Medio Rural que recolle as axudas aprobadas e desestimadas ao abeiro da convocatoria para a creación de superficies forestais entre os anos 2020 e 2021. En virtude desta resolución, a Xunta concede case 5,2 millóns de euros en achegas para repoboar máis de 2.800 hectáreas de terreo en toda Galicia. Así, en total plantaranse máis de 2,86 millóns de árbores, a meirande parte delas coníferas.

Esta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, beneficia tanto a comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), como a agrupacións de propietarios e particulares. Suporá plantar máis de 2,67 millóns de coníferas, a meirande parte delas piñeiros, e case 200.000 árbores doutro tipo, como castiñeiros, bidueiros ou carballos.

Atendendo ao tipo de beneficiario, ás comunidades de montes correspóndenlles case 5,1 millóns de euros destas axudas para levar a cabo repoboacións, outros 45.462 euros son para agrupacións e 63.534 euros repártense entre particulares. Por provincias, Ourense recibe máis de 3,2 millóns de euros en achegas, séguea Pontevedra con 963.580 euros, Lugo con 696.257 euros e, por último, A Coruña con 309.103 euros.