Convocadas as axudas para o sector caprino pola situación do covid-19

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula as axudas estatais destinadas a paliar as dificultades de comercialización de cordeiros e cabritos durante os meses de marzo e abril, a causa da emerxencia sanitaria por mor da covid-19. Así, as explotacións ovinas e caprinas galegas poderán acceder a un orzamento máximo de 62.952 euros, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado.

Poderán beneficiarse destas achegas as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que conten cunha explotación de ovino ou cabrún e presentasen este ano a solicitude única da PAC. Isto é, da orde que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

Nesa liña, deberán ser beneficiarios ademais do pago das liñas de axuda por ovella e cabra que regula esa orde da Política Agraria Común. Así mesmo, os interesados terán que estar inscritos no rexistro xeral de explotacións gandeiras (REGA) cunha clasificación zootécnica de reprodución para a produción de carne, de leite ou para a produción mixta con máis de 10 femias reprodutoras conforme á última declaración censual obrigatoria.

Co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as achegas concederanse a todos os produtores que presentasen en prazo a solicitude da PAC e cumpran os requisitos establecidos. Así, a maiores do sinalado, os solicitantes deberán facer constar nunha declaración responsable se teñen concedidas axudas en réxime de minimis neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo desta orde e no prazo máximo de 10 días hábiles desde mañá, día no que o texto entra en vigor.

O envío desa declaración responsable ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) deberá efectuarse obrigatoriamente por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

Etiquetas