USC e Deputación celebran un curso de mellora de explotacións leiteiras

A Deputación de Lugo en colaboración co Campus Terra da USC organiza un curso en Xestión Técnico Económica de explotacións leiteiras dirixido a gandeiros e gandeiras, técnicos e profesionais do sector co fin de formalos neste eido ante o novo escenario provocado pola pandemia da Covid-19. A formación estará impartida polo asesor agrogandeiro Xan Pouliquen, será semipresencial e terá lugar na Escola Politécnica Superior de Enxeñería os días 21 e 31 de agosto. Os participantes recibirán 6 horas e media de formación presencial repartidas en dúas sesións e 5 horas de formación online. O curso é totalmente gratuíto e dispón de 60 prazas.

O espazo para as actividade presenciais está dotado cos medios necesarios para garantir as medidas sanitarias fronte ao COVID, sendo preciso levar o DNI e a mascarilla. No caso de que se producira algunha excepcionalidade coa pandemia que dificultara as xornadas presenciais estableceríanse de forma online.

O pasado mes de maio, o Campus Terra da USC realizou unha enquisa para coñecer o impacto da Covid-19 nas explotacións lácteas galegas e estudar de que maneira podería axudar a Universidade aos gandeiros. Nesta liña, este curso dá resposta á necesidade de formación do sector en cuestións relacionadas coa xestión técnico-económica das explotacións lácteas como ferramenta para o manexo das distintas variables que afectan ás ganderías nun novo escenario provocado pola crise sanitaria.

A Deputación de Lugo mantén unha ampla colaboración co Campus Terra para favorecer a competitividade, sostibilidade e desenvolvemento do sector primario a través da investigación, a innovación e a transferencia de coñecementos. Un dos froitos desa colaboración é a Granxa Experimental de Leite Gayoso Castro, o primeiro centro de investigación do sector lácteo da provincia, no que se acollerán prácticas universitarias do alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Superior de Enxeñería. Coa Granxa Experimental de Leite, a Deputación aposta unha vez máis polo sector primario como un dos principais motores da economía da provincia. Coa axuda do Campus Terra, contribúe á innovación e á investigación para que as explotacións gandeiras da provincia sexan máis rendibles e sostibles, para aumentar o valor do seu produto, así como para reducir os costes de produción e favorecer o benestar animal.

Etiquetas