Skip to main content
Actualidade

Tomé anuncia investimentos de 1,5 millóns de euros en estradas da provincia

Por 28 Agosto, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e responsable directo da área de Xestión Territorial, anunciou este venres investimentos na rede viaria provincial por máis de 1,5 millóns de euros. Tomé Roca explicou que a Xunta de Goberno sacou adiante licitacións e actuacións concretas en nove estradas provinciais situadas nos concellos de Vilalba, Lugo, A Pastoriza, Mondoñedo, Carballedo, Xermade, Chantada e A Fonsagrada, así como o proceso para contratar o subministro e instalación de 82 novas marquesiñas.

O mandatario provincial, que estivo acompañado pola Vicepresidenta, Maite Ferreiro, e pola voceira socialista do goberno, Pilar García Porto, explicou en rolda de prensa que a sesión do Goberno celebrada este último venres de agosto aprobou investimentos que en total superan os 2 millóns de euros. “Uns recursos económicos que mobilizamos dende a Deputación de Lugo para mellorar os servizos públicos dos concellos e dos veciños e veciñas, para apoiar o tecido asociativo da provincia, pero que, ao mesmo tempo, serven para dinamizar a actividade económica, os sectores produtivos e o mantemento do emprego, algo especialmente importante neste contexto de crise económica provocada pola pandemia”, subliñou.

A Xunta de Goberno aprobou a licitación da seguinte relación de estradas nas que se vai facer unha rehabilitación do firme coa reapertura e limpeza de cunetas para aumentar a durabilidade; pavimentación, co estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente, que dotará á calzada de maior regularidade e aumentará tamén a súa capacidade estrutural; e sinalización horizontal mediante o pintado de marcas viarias reflexivas brancas:

– En Vilalba, a LU-P-6510, que é a que une os núcleos de Panchita e Oleiros. Vanse acometer melloras nos primeiros 4 quilómetros e medio da vía, entre os puntos quilométricos 0 e 4,55. O orzamento base de licitación é de 192.027,50 €. Esta estrada é importante para os veciños da parroquia de San Mamede de Oleiros que transitan a diario por ela e tamén para varias queixerías da zona. O prazo de execución é de 9 meses.

– En Lugo, continúase coa mellora da estrada LU-P-2901, que vai do Burgo e Vilamaior de Negral a Palas de Rei. Estas obras saen a licitación por 140.729,95 euros e realizaranse nun treito de máis de 2 quilómetros que están a continuación dos 3,3 quilómetros arranxados recentemente. Trátanse dunhas actuacións coas que se responde ás peticións da veciñanza e que beneficiarán de xeito directo aos centos de veciños das parroquias de Xanaz, Castrelo, A Retorta, Poutomillos, Bacurín, San Pedro de Mera e Vilachá de Mera. As obras mellorarán as comunicacións e o día a día das persoas de toda a zona, así como a peregrinos que a empregan por situarse ao pé do Camiño de Santiago. O prazo de execución é de 9 meses.

– En Xermade, continuarase co arranxo da estrada LU-P-2204, que une Momán coas Pontes. Arranxarase preto de quilómetro e medio, entre os puntos quilométricos 7,000 e 8,340 e o proxecto sae a licitación por 340.154,64€ .Trátase dunha vía na que xa se renovara recentemente o firme en 7 dos 9,7 quilómetros que ten de lonxitude, e con esta actuación case se completa a súa renovación integral. “É unha estrada fundamental para Xermade que dá servizos á veciñanza de Momán e comunica coas Pontes de García Rodríguez. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños a Santiago de Compostela e aos aeroportos”, explicou Tomé Roca. O prazo de execución é de 9 meses.

– Na Pastoriza, vaise arranxar un treito de máis de 3,5 quilómetros da LU-P-1106 que comunica Castro de Rei por Reigosa con Campo do Oso. A licitación para renovar o firme entre os puntos quilométricos 16,900 e 20,450 ascende a 214.415 €. Esta obra vén a continuar coa executada nos últimos anos nos quilómetros anteriores nesta vía fundamental, debido a que conecta algunha das parroquias máis importantes do concello como son as de Bretoña, Reigosa, Úbeda, Vián e o Lugar de Xemil. O prazo de execución é de 9 meses.

Pola súa banda, Tomé Roca tamén deu conta doutras actuacións concretas que se van realizar nas seguintes vías provinciais:

– En Mondoñedo, vaise arranxar a estrada LU-P-3103 que une a parroquia de Lindín con Santa María Maior e dá acceso á LU-124 e ao ramal ao Campo do Castro. A actuación vaise realizar entre os puntos quilométricos 7,385 e 8,185. O custe destas actuacións é de 30.946,45€. O prazo de execución é dun mes.

– En Carballedo, acondicionaranse dous puntos de dúas vías provinciais. Por un lado, na LU-P-1001, que comunica A Barrela cos Peares, existe un problema de drenaxe de augas que se solucionará dotando a estrada de cunetas formigonadas entre os puntos quilométricos 16,385 e 16,770. Pola súa banda, na estrada LU-P-1010, tamén en Carballedo, existe unha chaira que serve de aparcamento asociado ao pantalán dos Peares que presenta tamén deficiencias na drenaxe de augas e imos reparalo. O importe destas dúas actuacións é de 32.400 €. O prazo de execución é dun mes.

– En Chantada, vanse realizar dúas obras. En primeiro lugar e con carácter de urxencia, vaise reconstruír o muro de sostemento da LU-P-1804 que vai de Belesar a Chantada por San Pedro de Líncora. “Como recordarán, tivo que ser cortada ao tráfico hai uns días á altura do punto quilométrico 6, no pobo de Belesar, enfronte do embarcadoiro da Deputación, para garantir a seguridade dos vehículos logo de producirse un desprendemento de terra e o afundimento de parte da calzada debido ás intensas e continuadas choiva”, explicou o Presidente. Para remediar esta incidencia, a empresa encargada da conservación de estradas provinciais nesa zona acometerá unha actuación con orzamento de preto de 139.000€. O prazo de execución destes traballos é de 2 meses.

Tamén en Chantada véñense de contratar as obras da vía LU-P-1802, que conecta o centro da localidade co encoro de Belesar pasando por Sabadelle. Vaise repoñer o pavimento entre o quilómetro 5 e o 6 debido a que presenta deficiencias. Os traballos ascenden a 31.581€. O prazo de execución é dun mes.

– Na Fonsagrada, Xunta de Goberno deulle luz verde á modificación do proxecto dunha obra na estrada LU-P-1901 que une A Fonsagrada con Navia de Suarna. Esta modificación inclúe uns cambios con respecto ao anterior, como son a incorporación de máis bionda para protexer a vía, xa que é unha zona moi montañosa e con moitas curvas. Tamén se vai realizar unha variación dos taludes proxectados para darlle unha maior seguridade á estrada e vaise realizar un marco prefabricado que respectar o ancho do río que pasa ao carón da obra. O modificado do proxecto adxudicouse por 196.310€, co que o custe total da obra ascende a 790.000€.

Novas marquesiñas
Con respecto tamén coa Rede Viaria Provincial, a Xunta de Goberno aprobou a licitación do Programa de Dotación de Marquesiñas deste ano 2020. A Deputación investirá neste plan 200.000€ para a instalación dun total de 82 marquesiñas nas estradas provinciais dos 67 concellos da provincia.

“Dotaremos a cada concello dun mínimo de unha marquesiña e as restantes repartiranse en función de criterios obxectivos, como o número de quilómetros de vías provinciais que pasan por cada municipio. As marquesiñas son elementos moi relevantes para a realidade da nosa provincia. Hai que ter en conta que, con máis de 4.200 quilómetros, a rede de estradas da Deputación é a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo”, explicou Tomé Roca. A Deputación de Lugo comezou no ano 2011 a renovar as marquesiñas das estrada provinciais para substituír as existentes, que tiñan máis de 20 anos. Dende entón instaláronse 332 novas marquesiñas en toda a rede provincial a través deste plan, que desenvolvemos en cooperación cos Concellos”, lembrou o Presidente.

Vídeoacta para os plenos
Na sesión deste venres adxudicouse o contrato da implantación dun sistema de gravación de plenos e actas dixitais da Deputación por 59.895 € á empresa AMBISER INNOVACIONES S.L por dous anos. O Presidente explica que “este sistema tecnolóxico supoñerá unha mellora moi importante na eficiencia do servizo de Actas, pois a día de hoxe a transcrición dos plenos faise á man, o que supón un traballo complexo que esixe moitas horas de traballo. Con esta ferramenta, as sesión plenarias quedarán automaticamente rexistradas en vídeo, que terá validez como acta, un sistema denominado vídeoacta”. Ademais, este sistema supoñerá unha mellora da transparencia e da accesibilidade, pois a cidadanía poderá visualizar o contido íntegro de calquera dos plenos dende a páxina web da Deputación.

Ademais aprobouse a licitación do contrato de subministro de uniformes de traballo para o cadro de persoal da Deputación por preto de 75.000 euros. É por dous anos e ten como obxectivo dotar de equipamento os centros de atención a maiores da provincia, na Granxa Gayoso Castro, no Centro de Artesanía e Deseño, na Unidade de Mantemento, no Parque Móbil, en Medio Ambiente e no servizo de Expropiacións e Proxectos.

Así mesmo, a sesión deste venres tamén adxudicou o contrato de subministración de penso para a alimentación do gando vacún da Granxa Gayoso Castro a Severiano Agrocomercial. É un contrato por un ano dun importe máximo de 254.276€.

Custodia do Territorio das Insuas do Miño e Ollos de Begonte
Nesta Xunta de Goberno tamén foi aprobada, en función dun procedemento de concorrencia competitiva, a selección da Asociación Galega de Custodia do Territorio para que se ocupe da atención das fincas propiedade da Deputación onde están situados espazos naturais de gran valor ambiental como as Insuas do Miño e os Ollos de Begonte.

O obxectivo é seguir mellorando o estado de conservación destes dous lugares e promover actividades de investigación, divulgación e educación ambiental.

A Deputación destina 96.800 euros para estes traballos de coidado e promoción deste territorio durante catro anos.